DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 60 estudantes do CEIP A Xunqueira I exerceron como xurado do concurso ‘Univisión’

Nenas e nenos poñen nota aos vídeos musicais do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/05/2023

Preto de 60 estudantes do CEIP A Xunqueira I exerceron este mércores como xurado dunha nova edición de Univision, unha actividade na que, emulando o formato do concurso de talentos, nenos e nenas poñen nota aos vídeos musicais en inglés realizados polo alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Promovido pola profesora deste centro Inés Lareo, xunto coas docentes do colexio participante Carmen Quinteiro e Ana Isabel García, a este concurso concorrían 25 videoclips realizados por 50 estudantes da materia Idioma estranxeiro: inglés, do Grao en Educación Infantil. Tras realizar na aula unha selección previa, nesta xornada proxectáronse na facultade os dez vídeos finalistas, que foron cualificados polos escolares. As súas puntuacións determinaron nese senso que o primeiro premio neste Univision 2023. Spring Edition fose para Jessica Lemos, Carla Maneiro e Marta Freire, polo vídeo realizado coa canción de introdución da serie de animación Phineas and Ferb, mentres que o segundo premio foi para Esther Rodríguez e Paula Vila, pola súa interpretación de September, de Earth, Wind & Fire.

A diferencia de anteriores edicións, explica Lareo, a actividade centrouse desta volta nos videoclips, de tal xeito que se ben o alumnado tiña que cantar en inglés a peza escollida, debía tamén dar forma a unha “representación da canción” a través do vídeo. De feito, “os nenos avaliaron que puideran entender a canción a través do que facían nel", sendo este un dos criterios que determinaban a puntuación final, xunto á creatividade, ritmo, coordinación, vestiario, volume de son e voz, inclusión das novas tecnoloxías, uso de lingua de signos e o entusiasmo e linguaxe corporal. “Son moi serios puntuando”, recoñecía Lareo do labor efectuado polo estudantado de sexto de educación infantil e de segundo de primaria deste colexio. De feito, tras cada un dos vídeos finalistas, proxectábanse as valoracións realizadas nas súas aulas polos escolares respecto dos diferentes elementos que tiñan que analizar de cada traballo. 

Como unha “actividade positiva para todos” recoñecía Lareo unha iniciativa na que nenas e nenos “pásano en grande”, á vez que traballan na clase “o pensamento crítico e creativo”, como engadía Quinteiro, quen agradeceu ao alumnado da facultade “o esforzo que facedes para levar ás aulas proxectos creativos”. Por outra banda, Lareo incidiu tamén no interesante dunha actividade na que as universitarias e universitarios “tamén o pasan moi ben, aínda que leva certo traballo”, e que á súa vez permítelles enfrontarse a unha exposición en público, así como ter un contacto directo coa realidade das aulas.