DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presentación será este xoves coa presencia da vicepresidenta do goberno Yolanda Díaz

Novo ensaio de Albino Prada sobre a “necesidade colectiva de cambiar de rumbo cara unha sociedade decente”

O autor pecha con esta obra unha triloxía editada polo Servizo de Publicacións da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Cultura
D. Besadío DUVI 27/11/2023

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz asistirá este venres en Vigo á presentación do novo libro do profesor de Economía Aplicada Albino Prada, ¿Sociedad de mercado o sociedad decente? Crítica de la gran abducción neoliberal, un ensaio no que o autor, investigador do centro de investigación Ecobas, argumenta a “necesidade colectiva de cambiar de rumbo cara  unha sociedade decente”, entendendo por sociedade decente aquela na que se fai un uso da riqueza que fai posible que todos os seus cidadáns,  “independentemente do azar xenético, familiar, rexional, etc.” teñan as mesmas posibilidades de acadar unha vida digna.

“Para conseguilo, os usos virtuosos da riqueza deben ser alimentados e potenciados por unha poderosa redistribución da mesma”, explica Prada, ao que engade que isto debe ser así, “simplemente porque ninguén, en ningún lugar do mundo, ten dereito a toda a riqueza que cre que gañou co seu suposto único mérito e esforzo”. A presentación será este xoves ás 19.30 horas no auditorio da Zona Franca na rúa Oporto e nela o autor estará acompañado pola vicepresidenta Yolanda Díaz, prologuista da obra; o director do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, Jorge Luis Bueno, e Emilio Fernández Zunzunegui, membro do Consello Social da UVigo cunha longa traxectoria profesional caracterizada por un fondo compromiso social.

Afondando nas “problemáticas sociedades de mercado”

No ensaio Prada repasa como nos últimos cincuenta anos foi imparable o proceso de incorporación de máis e máis bens e, sobre todo, de novos servizos á lóxica dunha economía de mercado. Ao mesmo tempo, fóronse limitando, ao seu modo de ver, aquelas necesidades preferentes cubertas fóra do mercado, e dos prezos, polo sector público. “Estas e outras mutacións, auspiciadas por unha ideoloxía neoliberal que se considera a única razón do mundo, transformaron as nosas economías de mercado en problemáticas sociedades de mercado”.

Fronte a esa mutación e a esa lóxica, este ensaio aposta por unha nova sociedade con moito máis “intelixencia social ou colectiva”, que vaia “máis aló do individualismo e da abdución neoliberal campante” e que sexa quen de facerlle fronte aos retos sociais básicos do século XXI: transición enerxética, colapso climático, dixitalización, intelixencia artificial, saúde pública ante potenciais pandemias, manipulación xenética, desemprego tecnolóxico ou tempo de traballo.

Peche dunha triloxía con marcado carácter social

Con este ensaio o autor pecha unha triloxía iniciada co título Riqueza nacional y bienestar social (2021), centrado en cuestionar a vía do crecemento económico (do PIB) como estratexia para mellorar o desenvolvemento social e ambiental, demostrando que é posible mellorar o segundo sen igualar aos países máis ricos do mundo, sabendo usar a riqueza nacional e non só facela medrar. A este título seguiulle Trabajo y capital en el siglo XXI (2022), centrado en denunciar as formas e mutacións de subordinación dos traballadores no hipercapitalismo dixital e formulando unha axenda  que socialice e desprivatice as inxentes capacidades produtivas do mundo actual e favoreza a vida laboral (traballo decente, xornada, xubilación, xénero, coxestión, sen desemprego, ...) da maioría dos cidadáns.

Ambos libros están editados polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e xa están dispoñibles en acceso aberto no catálogo deste servizo. A eles súmase agora este novo título, prologado, igual que o anterior, pola actual ministra de Traballo. “A miña colaboración con Yolanda Díaz e co seu equipo de asesores vén de moi atrás no tempo e a súa condición de prologuista nos dous últimos libros ten todo que ver co seu papel como xestora en tempo real en favor dunha sociedade máis decente”, subliña Prada.