DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reunión inicial, celebrada esta semana en Polonia, participaron Íñigo Cuiñas e Itziar Goicoechea

A UVigo implícase nun proxecto educativo europeo para potenciar as actividades académicas fóra das aulas

Da man de docentes da EE de Telecomunicación, a EE de Minas e Enerxía e Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
  • Académica
M. Del Río DUVI 19/01/2024

Esta semana botou a andar en Polonia un proxecto europeo de innovación educativa que ten como finalidade potenciar e fomentar a organización de actividades académicas fóra das aulas e dos laboratorios. Coa implicación de seis socios doutros tantos países, entre eles a Universidade de Vigo, esta iniciativa do programa Erasmus+ bautizada como OUT-DOOR (Blended Outdoor Learning for fostering the employability of newly graduates) aposta pola aprendizaxe combinada ao aire libre para fomentar a empregabilidade dos estudantes recentemente graduados. 

Na reunión de lanzamento, que se celebrou na cidade de Lodz, participaron o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Íñigo Cuiñas e a profesora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía Itziar Goicoechea. Os seus dous centros son, xunto coa Facultade de Educación e Traballo Social, os tres representantes da Universidade de Vigo no proxecto, que lidera a Universidade Tecnolóxica de Lodz e no tamén están implicadas a Universidade de Salento (Italia), a Universidade Técnica de Kaunas (Lituania), a Universidade de Azores (Portugal) e a empresa de formación Femxa. Como explica Cuiñas, OUT-DOOR “busca proporcionar formación e materiais para profesores que queiran incorporar actividades a desenvolver fóra do ámbito das clases e laboratorios da universidade, preferentemente ao ar libre”. Para isto, engade, “trátase de proporcionar ferramentas, habilidades e modos de avaliación para actividades de campo”.

Dende a Universidade Tecnolóxica de Lodz, á que pertence a coordinadora do proxecto, Anna Laska-Leśniewicz,  do Instituto de Mecatrónica e Sistemas de Información, subliñan que como parte de OUT-DOOR desenvolverase un programa de capacitación baseado nas metodoloxías de aprendizaxe ao aire libre, coa finalidade de preparar os estudantes para ingresar ao mercado laboral e de que adquiran novas habilidades dun xeito pouco convencional. Ao mesmo tempo, indican dende a universidade polaca, o profesorado “tamén se beneficiará, xa que poderá aprender sobre os aspectos teóricos e prácticos do modelo de aprendizaxe ao aire libre”. Polo tanto, engaden, “esta iniciativa vai máis aló do marco da educación actual e busca brindar apoio no proceso de preparación dun futuro egresado dunha universidade técnica para atopar o seu camiño no mercado laboral”. 

A participación da UVigo no consorcio

O proxecto, de tres anos de duración, conta cun orzamento total de 400.000 €, dos que algo máis de 70.000 corresponden á UVigo. A institución viguesa participará en todo o desenvolvemento curricular do programa presencial de seis módulos, “cinco sobre competencias transversais implicadas na formación OUT-DOOR e o sexto que consiste en actividades de campo para realizar con estudantes, algunhas adaptadas a titulacións específicas pero tamén haberá propostas máis transversais”. Posteriormente, engade Cuiñas, “colaboraremos na conversión destes materiais nun MOOC e no mantemento do mesmo”. 

A equipa da UVigo estará formada por doce profesores e investigadores de tres centros: a EE de Telecomunicación (departamentos de Teoría do Sinal e Comunicacións e de Enxeñaría Telemática), a EE de Minas e Enerxía e a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Os coordinadores deste grupo, os profesores Itziar Goicoechea e Iñigo Cuiñas, resaltan que, deste xeito, “temos unha variedade de ámbitos de coñecemento e de traxectorias persoais que van enriquecer o resultado final”.

Na primeira xuntanza desta semana en Polonia os socios lanzaron a primeira tarefa do proxecto, preparar a definición e o deseño dos diferentes módulos que, como apunta Cuiñas, “deberemos ter pechada para a reunión que vai ter lugar en Vigo no verán, cando comezaremos co deseño dos materiais didácticos”. A partir de aí, e ata os tres anos de duración do proxecto, faremos unhas probas dos cursos con estudantes locais das cinco universidades participantes. No seguinte ano faranse formacións para profesores, incluíndo unha multinacional en Lecce (Universidade do Salento) e, no derradeiro ano, celebrarase unha escola internacional de verán en Ponta Delgada (Illas Açores) con participación de profesores e estudantes das cinco universidades.

Socios unidos por colaboracións previas

Sobre como xurde este proxecto, o profesor Cuiñas explica que con todas as entidades socias existe unha relación previa. No caso da Politécnica de Lodz, “contamos cunha ampla traxectoria de colaboración que se materializou en varios proxectos comúns, como DiamonDT, VRxanny, Abraxas... en concreto, coas profesoras que coordinan a proposta, Anna Laska e Katarzyna Znajdek”. Coa Universidade do Salento, en Italia, e co seu profesor Luca Catarinucci, “xa colaboraramos nun proxecto de investigación (RFID From Farm to Fork), mentres que coa equipa da Universidade Politécnica de Kaunas, liderada polo profesor Darius Andriukaitis, temos unha longa relación, incluíndo intercambios Erasmus+ para o persoal docente e investigador. O contacto coa Universidade das Açores, por medio de Adolfo Fialho e Amelia Fonseca, é máis recente pero seguro que fruitífero. Tamén traballamos previamente con Femxa noutras convocatorias”.