Actores e compañías de nove países serán os protagonistas dos 32 espectáculos que, enmarcados na XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, encherán cada recuncho da cidade entre os días 11 e 29 de abril. España, Portugal, Arxentina, Bélxica, EEUU, República Dominicana, Bielorrusia, Ucraína e India serán os países participantes nesta edición da MITEU na que o teatro estará complementado de xeito moi especial pola música, charlas e danza. Ademais tamén aumenta o número de espazos nos que se desenvolverán as actividades, ampliándose ao marxe do campus, ao Teatro e ao Auditorio, á libraría Torga, na que se impartirán charlas ou ao Café Auriense, que acollerá actuacións.
A conxunción do teatro contemporáneo con obras clásicas de Shakespeare ou Molière, a presencia de Leo Bassi coa súa polémica obra La Revelación, as músicas do mundo interpretadas polo grupo bieloruso Strainniki, a actuación do grupo de teatro do centro penitenciario Pereiro de Aguiar ou o roteiro O Volter polas rúas da cidade, serán algúns dos atractivos desta XIII edición da Mostra de Teatro.
27/03/2008