O campus de Pontevedra acolleu este xoves o derradeiro pleno do ano do Consello Social da Universidade de Vigo que tivo na orde do día a aprobación dos orzamentos para 2013 por un importe de 163,2 millóns de euros, un 0,15% máis que no exercicio anterior, “sendo quen de equilibrar as súas contas e manterse estable con respecto ao curso pasado”, sinalou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social. Tamén se deu luz verde ao propio presuposto do consello para 2013, dotado en 370 mil euros, e o visto bo ao plan de humanización do campus que se executará no novo ano. O reitor, Salustiano Mato, xunto a Pedrosa, presidiu o pleno e aproveitou a súa visita a Pontevedra para reunirse co xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés, José Manuel González, para trazar novas liñas de colaboración tras a declaración do Complexo Hospitalario de Pontevedra como Hospital Universitario.
27/12/2012