Cando xa case todos estamos rendidos á facilidade, inmediatez e baixo custe das cámaras dixitais, seis alumnas de Belas Artes propoñen unha volta á fotografía analóxica coa exposición KF 400. A mostra forma parte da materia de Extensión e repercusión da linguaxe artística, que imparte Silvia García, e o seu nome responde ao carrete que empregaron na realización das fotos. O gran fronte ao píxel. Esa semella ser a batalla prantexada entre as dúas modalidades que, nesta ocasión, gaña a fotografía que nace nun cuarto escuro. As pezas expostas “recollen a maxia do laboratorio de revelado” e pretenden “ensalzar o proceso de creación”, segundo explican as autoras. Aldara Outerelo, Aida Estrela, Ángela Garrido, Cristina Ulloa, Estefanía Rodríguez e María Rouca son as seis artistas que compoñen a mostra.
02/06/2009