A Escola de Enxeñería Industrial, centro decano da Universidade de Vigo, celebrou este venres o seu 111 aniversario cun acto no que pasado, presente e futuro se deron a man para recoñecer o importante papel de formación e de compromiso deste centro co desenvolvemento económico de Vigo e de Galicia. Con preto de 4500 alumnos e convertido no primeiro centro de educación superior do sistema universitario galego, a EEI recoñeceu tamén con este acto o “traballo e esforzo” dos exdirectores da escola a quen se lles fixo entrega da Medalla de Ouro do centro.
O número de matriculados, de egresados, de profesionais integrados como líderes das industrias máis relevantes de Galicia e os resultados acadados en investigación e transferencia foron algún dos exemplos aos que fixo referencia o reitor, Salustiano Mato, para subliñar a importancia dun centro “motor dun progreso de Galicia tallado no ADN de Vigo”.
30/03/2012