O desenvolvemento desde hai máis de 2000 anos de sistemas criptográficos destinados á transmisión e almacenamento de datos de xeito que non poidan ser comprendidos por terceiros, é inseparable dos intentos de descifrar as claves que dan acceso á información que conteñen. Por iso non é de estrañar que esta dinámica que se repite desde hai séculos se produza tamén no caso da criptografía cuántica, un sistema que explota as propiedades mecánico-cuánticas da luz para transmitir datos confidenciais de maneira incondicionalmente segura. Garantir a protección dunha información que resulta especialmente delicada no caso de operacións de índole financeira ou mesmo gobernamental, foi o que levou aos investigadores da Universidade de Vigo, Marcos Curty, e da Universidade de Toronto, Hoi-Kwong Lo e Bing Qi a desenvolver un novo sistema de criptografía cuántica que permite acadar comunicacións plenamente seguras sobre unha canle aberta, como por exemplo internet.
10/04/2012