O curso universitario comezou este luns no campus de Ourense cun intenso programa de actividades e o seu proxecto estrela, o Campus da Auga, quixo tamén iniciar 2012/2013 con forza. Deste xeito, este martes Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades para destinar 247.800 euros á elaboración do plan estratéxico e do programa de necesidades funcionais e usos da futura sede desta iniciativa. O plan, que dará un pulo definitivo á proposta, terá como misión vertebrar o proxecto do Campus da Auga e poñer as bases para converter Ourense nun referente científico de excelencia no eido da auga nas súas múltiples áreas de coñecemento.
04/09/2012