No curso 2012/2013 o campus de Ourense ampliará “familia”. Ademais de estudantes, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos a partir do mes de setembro os máis pequenos da casa tamén terán o seu propio recuncho nas instalacións universitarias. A escola infantil da Universidade de Vigo abrirá entón as súas portas e 41 nenos e nenas, de entre catro meses e tres anos, formaranse neste centro. Situado fronte á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e integrado na maior zona verde da cidade Ourense, o edificio ofrecerá aos seus novos inquilinos un marco privilexiado para a aprendizaxe nos seus primeiros anos. “Esta gardería será un paso máis para contribuír á calidade de vida da comunidade universitaria, poñendo á súa disposición instrumentos que permitan unha mellor conciliación da súa vida familiar e profesional”, destaca María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense.
23/05/2012