Son moitos e de moi alta calidade os escritores e escritoras que xurdiron da Facultade de Filoloxía e Tradución e moitos os que imparten docencia no centro, pero a creatividade literaria na nosa lingua espállase máis aló das súas portas e finca ben fondas as súas raíces por toda a Universidade. Boa mostra deste interese polas letras en galego son Xosé Daniel Costas e Virxilio Rodríguez, gañadores dos premios de poesía e relato curto, respectivamente, organizados pola Área de Normalización Lingüística. O primeiro, estudante da ETSE de Minas, e o segundo, profesor da Facultade de Dereito de Ourense, teñen dúas bagaxes diferentes pero cunha firme aposta pola escrita, xa recoñecida con outros galardóns.
24/05/2011