Os estudantes da Universidade de Vigo, ao igual que os de Santiago e A Coruña, están convocados este mércores 31 de outubro, polos Comités Abertos de Escola e Facultade (CAEF), a unha xornada de folga en contra da suba das taxas académicas.Os CAEF denuncian que o incremento aprobado pola Xunta , 2 puntos por riba do IPC galego e 1,6 por riba do español, é excesiva, algo que ademais, afirman, mantense nos últimos seis anos que se corresponden con toda a lexislatura pasada do PP e o que vai desta co PSOE á fronte da Consellería de Educación.
Francisco Quintela, responsable dos CAEF en Vigo, lembra que “levamos anos intentando que as taxas non suban na medida que o están facendo. O ano pasado o IPC foi do 2% en Galicia e o xusto sería que a suba fose igual e non de un 4% que foi o que se aprobou”. A xornada de folga convocada para o mércores estará acompañada doutras reivindicacións, por exemplo no caso de Pontevedra. Alí os estudantes están convocados a partir das 12:00 a unha caceirolada ante o edificio da delegación da Consellería de Educación, na Alameda. No caso de Santiago e A Coruña, os estudantes mobilizaranse na Praza do Toural e nos Novos Ministerios, respectivamente.
29/10/2007