No seu libro Fútbol es Fútbol, publicado en 2015, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago ofrecía explicacións científicas a crenzas e mitos sobre o deporte rei, e entre elas, xa apuntaba que algunhas investigacións confirman a idea de que as arbitraxes benefician os equipos grandes. Agora, e en colaboración coa docente da Universidad Europea de Madrid Maite Gómez, vén de publicar na revista Perceptual and motor skills un estudo que, baseado en técnicas estatísticas, confirma que os colexiados favorecen os grandes equipos reducindo o tempo engadido cando van por diante no marcador e sumando segundos extra se van perdendo. Para realizar este traballo, os autores analizaron os datos dos 380 partidos que se xogaron na Liga española durante a temporada 2014-2015 considerando a posible influenza na cantidade de tempo engadido de variables como a diferenza de goles, o nivel de xogo de cada equipo, o número de tarxetas, etc.
06/07/2016