Aditivos moi utilizados na industria alimentaria como o ácido láctico ou o xilitol; deterxentes biodegradables, os denominados biosurfactantantes, empregados para a biocorrección de augas ou solos contaminados con hidrocarburos, e mesmo antioxidantes, son algúns dos compostos químicos que se poden extraer dos residuos do viño utilizando a tecnoloxía axeitada. Trátase de produtos que ademais de reportar beneficios a quen os comercialice, minimizan os elevados custos que se derivan do cumprimento da lei que obriga a desfacerse dos residuos xerados no proceso de produción do viño. Sen embargo, na actualidade, non existe no panorama internacional ningunha empresa dedicada á obtención destes compostos químicos, unha carencia que se pon de manifesto nos traballos que sobre a revalorización dos residuos do viño están a desenvolver varios grupos de investigación do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo.
02/03/2012