Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2023

25N

UVigo - Igualdad 13/11/2023

Este mes, que ten lugar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Universidade de Vigo, como todos os anos, súmase á conmemoración desta data a través do desenvolvemento de toda unha serie de actividades.  

A recente Enquisa Europea de Violencia de Xénero (EEVG), con datos de 2022, aínda que sinala cifras extremadamente preocupantes de prevalencia das violencias patriarcais, tamén debuxa un contexto positivo en relación co maior coñecemento da violencia, como opera e a capacidade de identificala e de visibilizala nas mulleres máis novas.

Aínda que nas institucións de estudo superior se avanzou moito na igualdade entre mulleres e homes, tal e como nos lembra o proxecto europeo UNISAFE, a día de hoxe hai situacións que lles afectan de forma desigual ás mulleres e aos homes. Un contexto que, coma o resto de ámbitos das nosas vidas, non é alleo ás violencias machistas.

Como universidade, debemos contribuír a facer fronte a esta situación achegando evidencias científicas, formando as futuras xeracións de profesionais con perspectiva de xénero e elaborando recursos útiles e efectivos para toda a sociedade; e, como comunidade universitaria, participando tanto individual coma colectivamente da cultura de igualdade que illa os comportamentos e as actitudes machistas.

Nesta ocasión, o lema da campaña institucional ao abeiro do que deseñamos estas accións é Tecendo mundos feministas: desfacer a violencia e reparar a esperanza, porque queremos pór en valor a esperanza doutro mundo posible, libre de violencias contra as mulleres, porque os avances e o compromiso social e institucional é cada vez maior fronte a todas as violencias patriarcais no espazo universitario e na sociedade, en xeral.

O cartel institucional deste ano 2023, co lema sinalado, reproduce unha obra da artista téxtil Maritza Berttollini.

Un ano máis, continúa a ser necesario denunciar que a violencia de xénero é unha vulneración dos dereitos humanos na que, como parte da sociedade, temos a responsabilidade de involucrarnos activamente. Por iso, neste mes é importante mostrar a nosa solidariedade coas nenas e mulleres de todo o mundo que están a sufrir restricións aos seus dereitos e a ser libres e iguais. Isto sucede, actualmente, en Palestina, Irán e outros lugares do mundo. 

Hoxe, e todos os días do ano, reivindicamos o feminismo como unha ferramenta de emancipación para alcanzar unha sociedade na cal poidamos ser e estar. Seguindo o inestimable exemplo das campioas mundiais de fútbol da nosa selección, unímonos ao seu clamor: #Acabouse #Seacabó.
 

Desde hai varias décadas, o 25N, Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, é un momento excepcional para reivindicar, reclamar e lembrarlles ás persoas con responsabilidades e a toda a sociedade en xeral que, mentres persista a violencia patriarcal, non poderemos conseguir sociedades xustas, igualitarias e respectuosas cos dereitos humanos.

A prevalencia das violencias é cada vez máis preocupante, tal e como recolle a recente Enquisa europea de violencia de xénero (EEVX) con datos de 2022, que sinala cifras extremadamente alarmantes de incidencia das violencias patriarcais, aínda que tamén debuxa un contexto positivo en relación co maior coñecemento e recoñecemento destas violencias por parte das mulleres máis novas. 

Malia que nas institucións educativas en xeral, e nas universidades en particular, se avanzou moito na igualdade entre mulleres e homes, aínda perduran situacións que violentan as estudantes, as investigadoras e docentes, e as traballadoras do ámbito da administración e os servizos. Nese sentido, son relevantes as achegas do proxecto europeo UniSAFE, para acabar coas violencias de xénero na Academia, pois conclúe que a principal razón pola que non se denuncian as agresións machistas no contexto universitario é porque, en moitas ocasións, a vítima dubida da gravidade do sufrido, dubida de se será crida, dubida de se haberá unha resposta para o vivido. É importante non normalizarmos nin naturalizarmos as violencias padecidas, é importante que tamén nas universidades avancemos cara á visibilización de todas e cada unha das violencias machistas que se exercen no noso seo.

As universidades, como institucións de ensino superior, debemos contribuír a facerlle fronte a esta situación achegando evidencias científicas, formando as futuras xeracións de profesionais con perspectiva de xénero, elaborando recursos útiles e efectivos para toda a sociedade e participando tanto individual como colectivamente da cultura da igualdade que identifica, visibiliza, denuncia e illa os comportamentos e as actitudes machistas.

Ademais da continuidade das violencias machistas tradicionais, xorden novos modos de misoxinia, tales como o troleo de xénero(gendertrolling) das turbas dixitais no universo en liña. Neste contexto, sobresaen novos actores políticos, como os da manosfera, alentados por movementos transnacionais que promoven actitudes e perspectivas misóxinas e antifeministas. A súa influencia na formación de opinións e a propagación de ideas políticas extremistas está modelando imaxinarios e condutas desde idades temperás. Un claro exemplo diso é o chamado «caso Almedralejo», que puxo en evidencia a violencia machista dixital exercida por un grupo de mozos menores de idade sobre máis de vinte nenas e adolescentes, cuxa imaxe foi utilizada para crear pornografía mediante intelixencia artificial.  O alcance mediático deste caso serviu para que sociedade tome conciencia da gravidade do problema do mal uso dos avances tecnolóxicos, pero non se trata dun caso illado, pois as expresións vexatorias contra as mulleres no mundo dixital reprodúcense constantemente. 

Un ano máis segue a ser necesario denunciarmos que a violencia de xénero é unha violación dos dereitos humanos, en que as universidades, como parte da sociedade, temos a responsabilidade de implicarnos activamente. Por iso, este mes é importante tamén mostrarmos a nosa solidariedade coas nenas e mulleres de todo o mundo que están a sufrir restricións dos seus dereitos a ser libres e iguais. Hoxe, en Palestina, Ucraína, Irán, Afganistán e outros moitos lugares do mundo.

Nesta ocasión, apelamos á xenealoxía feminista, á súa historia, á produción de coñecemento académico con perspectiva de xénero, á forza das mulleres novas e á dimensión humana da sociedade, para tecer, máis que nunca, mundos de esperanza feminista, outro mundo posible, libre de violencias contra as mulleres e nenas, porque os avances e o compromiso social e institucional son cada vez maiores fronte a todas as violencias patriarcais no espazo universitario e na sociedade en xeral.

Hoxe, e todos os días do ano, reivindicamos o feminismo como ferramenta de emancipación para conseguir unha sociedade en que poidamos ser e estar. Seguindo o inestimable exemplo das campioas mundiais de fútbol da nosa selección, sumámonos ao seu clamor: #Seacabó #Acabouse

As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU).

Actividade presencial de sensibilización e de reparación

Como actividade presencial de sensibilización e de reparación –e acto principal do programa ao que lle dá título e que nos gustaría destacar polo seu interese e por ser unha colaboración institucional– terá lugar un relatorio da xornalista e activista feminista Lydia María Cacho Ribeiro e, de forma paralela, a artista téxtil Maritza Berttollini creará unha peza téxtil «para expresar a causa e curar feridas», na que poderán participar as persoas asistentes. A peza final poderá expoñerse nos centros que teñan interese unha vez que a artista a complete. Esta actividade está feita en colaboración co Concello de Vigo e será o vindeiro 23 de novembro, ás 19.00 h, no auditorio do Concello (praza do Rei, núm. 1, 36202 Vigo).

Punto lila virtual

Como actividades previas, pero vinculadas con esta liña de traballo, destacamos a creación do Punto lila virtual, que está dispoñible desde o 23 de outubro para atender de forma directa e preferente, no prazo máximo de 48 horas, calquera consulta ou queixa sobre acoso sexual e acoso por razón de sexo que teñan relación coa comunidade universitaria. 

Accións formativas

Este ano ofertamos toda unha serie de accións formativas destinadas á comunidade universitaria, en xeral, e ás persoas con cargos de responsabilidade ou de xestión, en particular:

  • E ti, sabes como actuar fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo?
    24 de novembro, de 11.00 a 13.00 h
    Unha formación en liña síncrona aberta a toda a comunidade universitaria.  
    Inscrición a través de Bubela (do 7 ao 21 de novembro). 40 prazas. Código: ACS2023
  • A universidade, un espazo libre de violencias machistas? 
    29 de novembro, de 16.30 a 18.30 h 
    Unha formación dirixida a persoas da comunidade universitaria con cargos de responsabilidade ou con funcións relacionadas coa xestión da igualdade entre mulleres e homes e a convivencia, en formato virtual síncrono. 
    Inscrición a través de Bubela (do 7 ao 21 de novembro). 40 prazas. Código: VM2023

Actividades da Cátedra de Feminismos 4.0

Dentro das actividades da Cátedra de Feminismos 4.0, o día 26 de novembro, de 10.00 a 14.00 h, na planta baixa da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, realizarase a quinta edición do obradoiro «Hackeando o patriarcado», que este ano leva por título O ecosistema dixital feminista: a «feminisfera» en construción.

Nesta xornada presentaranse os traballos seleccionados do 1.º O Maratón de Creacións Dixitais Feministas, que se desenvolveu o 9 de novembro na Casa das Campás e no que participaron as tres artistas #Insumusers  seleccionadas en 2023. O día 26 de outubro presentouse o terceiro informe do Observatorio de Violencia Machista Dixital Stop Machitroles da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVigo.

Facultade de Relacións Internacionais (campus de Ourense)

  • Xornada Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Nenas e Mulleres
    23 de novembro, as 16.00 h, na aula magna Concepción Arenal do Edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense
    Realizarase unha serie de relatorios: a socióloga Rosa Cobo sobre «Explotación sexual e capitalismo neoliberal», o sociólogo Jorge García Marín sobre «Novas masculinidades: a construción da identidade masculina afastada do modelo de masculinidades violentas e tóxicas» e a catedrática María Lameiras sobre «As violencias sexuais contra as mulleres: radiografía internacional». 

Facultade de Dereito (campus de Ourense)

  • I Xornada Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres 
    24 de novembro, ás 10.00 h, na aula magna da Facultade de Dereito
    Realizarase unha serie de relatorios: a profesora Susana Sanz Caballero sobre «O tráfico de mulleres como expresión de violencia de xénero: a resposta do dereito internacional» e a profesora Ana de Miguel Álvarez sobre «Comprender o incomprensible: fontes de lexitimación da violencia sexual». 

Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo (campus de Vigo)

  • Concurso de carteis
    Organizado pola Delegación de Estudantes.
    As propostas deben conter unha frase relativa ao 25N en galego, español ou inglés.
    O prazo de presentacuón remata o 16 de novembro, ás 23:59 h.
    A votación para escoller os tres deseños gañadores estará aberta entre o 20 e o 24 de novembro a través dun formulario en liña.
    Máis información

Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (campus de Ourense)

  • Entrega dunha cinta morada a todo o estudantado, o profesorado e o persoal da facultade. Tras isto, farase unha fotografía conxunta para sinalar a importancia do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
    24 de novembro, ás 14.00 h (ao remate das clases), na entrada principal.
  • Colocación das pegatinas do Punto Lila Virtual cun QR informativo nas aulas e nos servizos de toda a facultade a partir do mércores 22 de novembro.

Escola Universitaria CEU de Maxisterio de Vigo

  • Visionado de curtametraxes nas aulas e coloquio posterior. 
    Elaboración de carteis e exposición dos traballos resultantes nas instalacións comúns do centro.
    Análise e coloquio na materia de Lingua do texto Réquiem con tostadas de Mario Benedetti a cargo da profesora Ana Caiño.

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram