Vicerrectorado del Campus de Pontevedra

Marián Fernández Villarino, vicerreitora
É profesora da Universidade de Vigo desde 2003 na Área de Educación Física e Deportiva. Conta cunha traxectoria docente e investigadora centrada nas actividades rítmico expresivas, a alfabetización física e a perspectiva de xénero nos deportes artísticos.
Ao longo da súa carreira publicou en revistas científicas de referencia e desenvolveu materiais docentes en acceso aberto, contribuíndo á innovación educativa tanto no ámbito do adestramento deportivo como na formación do profesorado e nos programas STEMbach.
Mantén unha destacada colaboración con institucións públicas e privadas, especialmente coa Federación Galega de Ximnasia, así como en iniciativas vinculadas ao rural galego e á promoción da igualdade.
No ámbito da xestión universitaria, ocupou diversos cargos de responsabilidade, entre eles a dirección de departamento e a coordinación de mestrados. Actualmente é secretaria do Instituto de Investigación de Ciencias do Deporte (Cidega).
A súa traxectoria reflicte un forte compromiso coa universidade pública como motor de formación, innovación e transformación social, ao combinar a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento.
Competencias
- A representación ordinaria da Universidade de Vigo no ámbito territorial do campus de Pontevedra, sen prexuízo das competencias propias da reitora.
- A coordinación xeral das actuacións desenvolvidas no campus de Pontevedra polas distintas estruturas académicas, investigadoras, administrativas e de servizos da universidade, sen prexuízo das competencias atribuídas aos restantes órganos de goberno.
- A planificación, impulso e coordinación das accións orientadas ao desenvolvemento estratéxico, á proxección institucional e á promoción do campus de Pontevedra, de acordo coa estratexia xeral da universidade.
- O exercicio das competencias derivadas dos procesos de descentralización administrativa e funcional no ámbito do campus de Pontevedra, en coordinación coas vicerreitorías e coa Xerencia no exercicio das súas respectivas competencias.
- O desenvolvemento das relacións institucionais, en representación da reitora, coas administracións públicas, entidades sociais, organizacións empresariais e demais axentes do territorio vinculados ao campus de Pontevedra, así como a sinatura dos convenios, protocolos, acordos e demais instrumentos de colaboración relacionados coas materias obxecto desta delegación, cando así proceda.
- A dirección e coordinación das políticas e actuacións vinculadas ao Campus Crea, no marco das políticas xerais da universidade para os seus campus de especialización e en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.
- O impulso da cooperación institucional, científica e tecnolóxica con universidades, centros de investigación e demais entidades de ámbito autonómico, nacional e internacional vinculadas aos ámbitos de especialización do Campus Crea e ao desenvolvemento estratéxico do campus de Pontevedra.
- A promoción da transferencia do coñecemento, da innovación, da valorización da investigación, do emprendemento e da colaboración co tecido socioeconómico no ámbito do campus de Pontevedra, incluídas as cátedras promovidas en colaboración con entidades públicas e privadas, contribuíndo ao desenvolvemento do ecosistema de innovación e ao desenvolvemento do territorio, en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.
- As relativas á tramitación de proxectos de investigación de ámbito autonómico e estatal, así como dos contratos ao abeiro do artigo 60 da LOSU, no ámbito de influencia do campus de Pontevedra, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e coa Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social.
- A convocatoria, resolución e xestión das bolsas, axudas e programas propios vinculados ás materias obxecto desta delegación, así como a realización dos actos administrativos derivados delas.
Secretaría
Miguel Ángel Cabañas Díaz
Secretaría
+34 986 802 080
vic.pon@uvigo.gal
Casa das Campás
Rúa Don Filiberto 9-11
36002 Pontevedra
+34 986 802 080
vic.pon@uvigo.gal




