Por cuarta vez, El Mundo sitúa á Universidade como unha das mellores opcións para cursar estes estud
Unha das mellores facultades de Belas Artes de España está no campus
O decano, Juan Carlos Meana, ve na internacionalización o principal reto de futuro do centro
Unha completa dotación de equipamentos e instalacións e unha relación próxima entre o alumnado e un profesorado que combina o seu labor docente cunha intensa actividade artística son dous dos aspectos máis veces salientados da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que o xornal El Mundo vén de situar como a quinta mellor de España do seu ámbito. Algo que é visto como “un aliciente” polo decano do centro, Juan Carlos Meana, que sitúa “na potenciación da investigación e en avanzar na internacionalización, os principais retos de futuro” do centro.
Unha vez implantados os estudos de grao, “a consolidación dos dous máster que se imparten na facultade e do programa de doutoramento, que se iniciou este ano”, sitúanse, como apunta Meana, como uns dos obxectivos centrais da facultade. Mais mirando cara o futuro, existen tamén importantes retos por diante, como “asentarnos no Campus Crea e buscar alianzas para conseguir unha visibilidade internacional”.
Na mesma liña, o decano tamén incide no importante labor que desenvolven na facultade os grupos de investigación, “que están a desenvolver proxectos que contan con financiamento autonómico e europeo”. Non obstante, Meana tamén recoñece que a investigación no eido de Belas Artes non está tan desenvolvida como noutros ámbitos académicos e, nese sentido, fai énfase no valor nunha faceta que entende “vaise potenciar co Campus Crea”, o proxecto de especialización do campus de Pontevedra. O obxectivo final, resalta, “é abrirnos en todos os campos e fomentar a interrelación con outros ámbitos científicos”, idea na que se enmarca precisamente o proxecto Baliza, que a facultade desenvolve actualmente dentro do Campus do Mar e que en 2012 se converteu nunha das dez iniciativas no ámbito das artes que obtivo financiamento do Ministerio de Educación e Cultura a través do subprograma de fortalecemento dos campus de excelencia internacional.
A quinta mellor de España
No ránking que cada ano elabora o xornal El Mundo empregando baremos como o número de alumnos, os recursos humanos e materiais dispoñibles, o plan de estudos ou a participación do profesorado en proxectos de investigación, a Universidade de Vigo sitúase como a quinta mellor opción en todo o Estado á hora de cursar estudos en Belas Artes. Como explica Meana, trátase do cuarto ano consecutivo no que a facultade ocupa un dos cinco primeiros postos deste ránking, “o que ten o seu valor, principalmente porque as catro que se atopan por diante son universidades máis grandes, con maior orzamento e maior número de alumnos”. Concretamente, a Politécnica de Valencia, a Universidade de Barcelona, a Universidade do País Vasco e a Complutense de Madrid.Mais a maior dimensión doutros centros non debe ser vista como unha limitación. “Estamos a falar de facultades con máis de 2000 alumnos e aquí non chegamos aos 700 sumando todas as titulacións, pero iso permite que a relación entre o alumnado e o profesorado sexa moito máis próxima, e iso nótase na calidade de docencia”, salienta Meana, que tamén incide no valor que ten para os estudantes contar con docentes que “paralelamente desenvolven unha actividade artística profesional moi forte”.