Presentou os traballos de comunicación solidaria en colaboración con organizacións sociais da cidade
O alumnado de Publicidade e RRPP amosa o seu lado máis altruísta
O decano Juan Corbacho e a concelleira Carmen Fouces salientaron a forte implicación dos estudantes
Nesta materia o importante non era aprobar, senón servir de axuda á sociedade “para que os males sexan moito menores”. Este mércores presentáronse publicamente as campañas de promoción que alumnos e alumnas de último curso do Grao en Publicidade e Relacións Públicas puxeron en marcha en colaboración con organizacións sociais de Pontevedra ao abeiro da materia Comunicación Solidaria. O resultado, dez accións comunicativas coas que tentaron proxectar o labor destes colectivos comprometidos coa defensa das persoas menos favorecidas, “conseguindo uns resultados extraordinarios dos que estamos moi orgullosos”, apuntou Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
O decano estivo acompañado nesta presentación de traballos pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, que agradeceu as facilidades mostradas para formar parte deste proxecto solidario destacando ademais a “forte” implicación dos estudantes que “agora están recollendo uns froitos que nos satisfacen a todos e todas”. Animounos a continuar nesta liña de traballo colaborativa “pois cando somos novos xogamos moito co individualismo pero agora é tempo de mulleres e homes máis sociais que tenten sacar adiante proxectos comúns e en equipo”. Pola súa banda, o decano fixo alusión á repercusión mediática das campañas de comunicación deseñadas polos alumnos e alumnas do campus, “unha boa nova tanto para a cidade, para as ONGs como para a propia facultade, que se visibilizou nesta iniciativa a través dos seus mellores embaixadores”, engadiu.
Esta colaboración entre ONGs e alumnado de Publicidade e Relacións Públicas xurde da iniciativa dun profesor da titulación, Xosé Baamonde, que instou ao seu alumnado a colaborar con organizacións sociais para coñecer o seu funcionamento e detectar as súas necesidades de comunicación procurando que os estudantes teñan a oportunidade de enfrontarse a un cliente real e responder ás súas demandas de acordo ás peticións do colectivo. Tanto o decano como a concelleira salientaron o nivel de preparación e a actitude de esforzo e dedicación do alumnado “evidenciando que aquí hai materia gris, hai país, hai futuro”capacitado para xestionar a comunicación de calquera empresa ou institución.