A Casa das Campás acolle un ciclo de conferencias sobre educación e comunicación
A cara e a cruz das novas tecnoloxías nas aulas
As xornadas, para todos os públicos, están dirixidas a alumnado do campus e a profesorado dos centro
A docencia e a formación sempre foron da man das tecnoloxías. Favorecer e simplificar o labor nas aulas sempre é un dos obxectivos das novas ferramentas e dos novos sistemas de comunicación, pero en moitas ocasións cáese en usos inadecuados. Consciente desta problemática, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra organiza un ciclo de conferencias sobre Educación e Comunicación durante os meses de marzo e abril e que bota a andar este próximo martes na Casa das Campás coa intervención do experto Juan José Perona, que afondará nas potencialidades da radio como soporte educativo.
Como explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra, estas xornadas especializadas naceron co obxectivo de “mesturar dous campos nos que temos presenza e estamos especializados, como son a educación e a comunicación”, para advertir e dar conta dos beneficios e desvantaxes “das novas tecnoloxías nas aulas e do seu uso por parte dos menores”, engade. O ciclo de conferencias terá unha dobre orientación temática xa que, por unha banda “amosarase como as ferramentas dixitais poden axudar tanto a profesorado e alumnado no contexto da clase” e, por outra, “informarase dos usos que nenos e nenas dan ás novas aplicacións e os perigos que iso supón”, apunta Fernández Souto. Aínda que estas xornadas gratuítas están abertas a toda a cidadanía, foron pensadas principalmente para o alumnado deste campus “e para o profesorado dos centros da contorna”, destaca.