Día Internacional da Muller 2024

UVigo - Igualdad 19/02/2024

Na enquisa «Percepcións sobre a igualdade entre homes e mulleres e estereotipos de xénero» publicada polo CIS, o 96 % das persoas entrevistadas sinala que a igualdade entre homes e mulleres contribúe a facer unha sociedade máis xusta. Unha ampla maioría da poboación, un 70,6 %, considera que as desigualdades son menores que hai dez anos, e mulleres e homes coinciden en que a desigualdade segue a ser un problema real. Este e outros estudos confirman que a sociedade ve un obxectivo necesario traballar en comunidade pola igualdade de xénero, polo que segue a ser necesario manter unha data de denuncia e de reivindicación como é o 8 de marzo.  

Na Universidade de Vigo, o lema proposto para este ano 2024 é Peneirando as desigualdades, cara a un horizonte feminista, unha frase que busca conectar valores transformadores como o feminismo e o ecoloxismo. Desde hai décadas o ecofeminismo destaca os vínculos entre a subordinación das mulleres e a sobreexplotación e a degradación da natureza, e como ambas empeoran as condicións da vida en todo o planeta. Así, a desigualdade de xénero e as violencias machistas, as catástrofes ecocidas ou mesmo os xenocidios contemporáneos responden a este pensamento zombi. Por iso é cada vez máis urxente colocar a sustentabilidade da vida no centro de todo: da política, da ciencia, da nosa forma de situarnos no mundo e de como nos relacionamos con nós, entre nós e co mundo. 
 
Seguindo o ronsel dos movementos de activismo e dos coidados encabezados por mulleres, desde as mariscadoras galegas que limpan a nosa costa ata as feministas defensoras do territorio do sur global, este ano queremos facer un chamamento á paixón e ao entusiasmo creativo feministas para acabar coa contaminación sexista. Para que nesta nova etapa de IA xenerativa teñamos a capacidade de imaxinar mundos igualitarios que se alimenten do conxunto de soños, esperanzas e propostas feministas, invocamos unha ampla e diversa xenealoxía con referentes como Christine de Pizán, Alice Guy ou Ursula K Le Guin. 
 
O imposible é o que non se intenta. Cada 8M na Universidade de Vigo, a través da campaña institucional e das actividades impulsadas desde os centros dos tres campus, traballamos pola posibilidade dun novo mundo. O pensamento feminista é emancipatorio e axúdanos a achegarnos a ese horizonte utópico, trazar mapas, construír escalas, restablecer pontes rotas e descubrir novas rutas cara a un mundo libre de ataduras patriarcais, en harmonía coa natureza, nun planeta vivo que precisa xa dunha transformación. 
 

A Universidade de Vigo convida a comunidade da UVigo ao acto institucional organizado para conmemorar o Día Internacional da Muller. A cita será o xoves 7 de marzo, ás 13.00 h, na sala I do edificio Miralles. 

O acto poderase seguir en directo a través da canle 1 de UVigoTV.

Programa do acto

Campus de Ourense


Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

  • Concurso de fotografías A Muller de hoxe
    Prazo: ata o 4 de marzo ás 23:59 h
    As  imaxes poderanse enviar en formato jpg ao enderezo-e secretario.eto@uvigo.gal, incluíndo a autoría, o documento de identidade e  o enderezo electrónico. 
    As tres mellores fotografías que reflictan o tema desta proposta premiaranse cun reloxo intelixente.

Facultade de Dereito

  • O tempo de traballo: a última fronteira da igualdade de xénero
    Data: 8 de marzo, ás 12:00 h
    Lugar: Salón de graos da Faculta de Dereito
    Relatorio de María Amparo Ballester Pastor, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universitat de València

Facultade de Educación e Traballo Social

  • Inauguración da exposición «Flora ou a educación dunha nena na sociedade tradicional»
    7 de marzo, ás 11:00 h
    Edificio de Ferro, 1.º andar


Campus de Pontevedra


Facultade de Belas Artes

  • 8 Mulleres para o 8M
    Oito integrantes do profesorado e do alumnado egresado elixen unha artista e presentan a súa obra para difundila cunha pequena análise do seu traballo. 
    Lugar: redes sociais da Facultade de Belas Artes

Facultade de Comunicación

  • Agora nós: o futuro da comunicación
    Organiza Freshysweet Junior, a axencia júnior de publicidade e comunicación da Facultade de Comunicación 
    Data: 7 de marzo, ás 12:00 h
    Lugar: no vestíbulo da facultade


Campus de Vigo


CINTECX

Escola de Maxisterio CEU 

  • Exposición de carteis sobre mulleres elaborados por alumnado da escola. 
    Data: do 8 ao 22 de marzo de 2024
    Lugar: Escola de Maxisterio CEU
  • Ruta pola igualdade: Sons de mulleres
    Data: 12 de marzo, de 10:00 a 13:00 h
  • Percorrido polo itinerario sinalizado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Vigo para o alumnado do terceiro cruso do Grao en Educación Infantil. 
  • V Concurso de fotografía Donas de si
    Temática: Escenas da vida cotiá das mulleres, reflectidas desde calquera ámbito da sociedade
    Prazo de entrega: ata o 18 de marzo.

Escola Universitaria de Enfermaría Meixoeiro

  • Mural de fotografías
    Data: do 4 ao 8 de marzo
    Lugar: Escola Universitaria de Enfermaría Meixoeiro

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

  • Mulleres na economía e na empresa
    Organizan a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o Colexio de Economistas de Pontevedra
    Data: 8 de marzo, de 13.00 a 14.00 h
    Lugar: Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

  • Mesa redonda: A igualdade de xénero: aplicación non ámbito xurídico e laboral
    Data: 7 de marzo, ás 12:30 h 
    Lugar: Salón de Graos 

Facultade de Filoloxía e Tradución

  • As mulleres á escena: reflexións e experiencias desde unha perspectiva feminista
    Conversa coas actrices galegas, Patricia de Lorenzo e Arantza Villar, sobre as súas experiencias e reflexións en torno á posición das mulleres no teatro, desde unha perspectiva feminista.
    Data: 6 de marzo, ás 10:00 h
    Lugar: Salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución

Vicerreitoría de Internacionalización

  • I Xornada de Igualdade para o alumnado internacional
    O obxectivo desta actividade e concienciar sobre a importancia da igualdade de xénero ao alumnado internacional que está a realizar unha estadía académica na UVigo.
    A universidade, como outros espazos de interacción social, non é allea á violencia machista. A Universidade de Vigo establece, entre os seus fins, «contribuír a unha sociedade xusta e igualitaria na que se respecte a igualdade entre mulleres e homes». Por iso, e co obxectivo de garantir que a experiencia universitaria sexa positiva para todas as persoas, é fundamental concienciar e xerar conciencia colectiva sobre a necesidade de previr e actuar contra a violencia machista no ámbito universitario, fundamentalmente ante o acoso por  azón de sexo, o acoso sexual e a violencia sexual.
    Data: 14 de marzo, de 16:00 a 19:30 h
    Lugar: Facultade de Filoloxía e Tradución
    Inscrición

 

Un ano máis, e como cada 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, as reivindicacións feministas exprésanse como un manancial de palabras que nos interpelan.

Desde a RUIGEU reivindicamos seguir avanzando cara a un horizonte universitario e social igualitario que permita combater os sexismos mentais inconscientes, a división sexual do traballo académico, as desigualdades derivadas da fenda de coidados e a fenda salarial de xénero, e a segregación vertical e horizontal por sexos que historicamente impediu a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

Para facer que a ciencia sexa verdadeiramente xusta para todas e todos, débese desterrar a fixación nunha idea estreita de éxito sen pausas vitais, que a miúdo conduce ao esgotamento, a problemas de saúde e ao abandono de carreiras prometedoras. Porque, a pesar de que mulleres e homes se matriculan en programas de grao e posgrao en proporcións similares, a representación das mulleres diminúe ao longo da carreira científica. A ausencia de mulleres é especialmente clara en postos de liderado e nas máis altas escalas de recoñecemento investigador e docente, en que é importante aumentar a súa presenza para facer que o mundo académico sexa máis equitativo para elas.

Científicos e científicas traballan en contornas moi competitivas, polo que o desenvolvemento do espazo tanto persoal coma familiar se converte nun reto especialmente duro para as mulleres no mundo académico. Unha das principais causas de que elas se vexan obrigadas a deixar a carreira científica é a maternidade e a pouca ou nula implementación de medidas para fomentar a corresponsabilidade. Por outra banda, a existencia de acoso sexual e/ou por razón de sexo nas distintas estruturas profesionais e laborais é tamén unha realidade na universidade que afecta a todos os colectivos que a habitan, incluídas as estudantes.

Neste momento, no que a implementación dunha nova lei de universidades expón importantes retos que afectan especificamente ao persoal traballador, é imprescindible e urxente situar as políticas de igualdade no deseño e da execución dos cambios que veñen, dotando as unidades de igualdade dos recursos suficientes e da interlocución política axeitada para cumprir cos novos mandatos legais que se suman aos preexistentes. Non facelo suporá aumentar as diferentes fendas de xénero en lugar de traballar na súa erradicación. Como pon de relevo a declaración das Nacións Unidas para este 8 de marzo, investir nas mulleres é acelerar o progreso. Lograr a igualdade de xénero e o benestar das mulleres en todos os ámbitos é máis crucial ca nunca se queremos xerar economías prósperas e conseguir un planeta saudable.

Como especialistas en políticas públicas de igualdade, propomos unha serie de ideas orientadas a favorecer un ambiente máis amable e xusto que permitiría organizar, flexibilizar e distribuír equitativamente as actividades investigadoras, docentes e de administración e xestión entre membros dos diferentes equipos, especialmente os de investigación. Tamén permitiría diminuír problemas de acoso: distribución equitativa da carga de traballo (transparencia e equidade na asignación de tarefas, especialmente o non remunerado e non recoñecido); implementación de accións positivas (mentoría,
oportunidades específicas de financiamento e políticas de extensión deseñadas para apoiar e reter mulleres talentosas); apoio ao embarazo e coidado de persoas dependentes con permisos parentais flexibles e a non penalización en procesos competitivos; organización de actividades nun horario que facilite a conciliación; loita decidida contra a discriminación sexista e o acoso sexual, e promoción dunha cultura de respecto, igualdade e tolerancia cero cara a calquera forma de discriminación e prexuízo.

Neste sentido, é importante lembrar que un 62 % das mulleres nas universidades europeas sufriron algún episodio de violencia (UNISAFE, 2023). Esta inxustiza interpela unha sociedade que non recoñece as mulleres como pares e que excede o mundo do emprego para converterse nunha intolerable realidade para a maioría delas. A opresión do propio sistema patriarcal adquire mil formas monstruosas máis alá dos nosos espazos, como as sufridas polas mulleres de Gaza, Ucraína e todos os conflitos bélicos do mundo.

Na RUIGEU non podemos deixar de sinalar unha realidade contemporánea que está a se configurar como unha nova ameaza. O ecosistema dixital converteuse nun novo dispositivo de discriminación e violencia, con grandes implicacións para a academia e a ciencia. Na actualidade, o coñecemento do mundo resólvese desprazándose polas pantallas, nun escaparate rexido por un sistema de tecnoloxía algorítmica que mantén o guión patriarcal e mesmo a misoxinia. Por tanto, é necesario acabar coa subrepresentación documentada das mulleres en liña e as imaxes dixitais que exacerban o sexismo. Tratar o efecto social deste feito a grande escala é esencial para que as ferramentas tecnolóxicas tamén representen e imaxinen mundos igualitarios.
Cada 8 de marzo conmemoramos ritualmente a posibilidade dunha nova sociedade. Nese sentido, reivindicamos a importancia do traballo desenvolvido polas unidades de igualdade das universidades para avanzar na eliminación das diferentes fendas que afectan as mulleres e esiximos que a perspectiva de xénero integre todas as políticas universitarias. A RUIGEU debe seguir sendo unha entidade á vangarda do traballo para trazar mapas, construír escalas, restablecer pontes rotas e descubrir novas rutas cara a unha cultura académica libre de ataduras patriarcais, onde se garanta a igualdade real e
efectiva entre mulleres e homes.

Nas políticas de igualdade existe unha intencionalidade ética que interpela a sociedade no seu conxunto. Incorporar a perspectiva das mulleres e de xénero é desde hai máis dunha década unha obriga legal, en tanto que principio reitor de todos os poderes públicos, incluídas tamén as universidades, e debe aplicarse á administración, á xestión, á docencia, á investigación e á innovación. Por todo iso, as institucións universitarias teñen a responsabilidade de tomar medidas para un futuro máis equitativo e xusto. Non é posible a excelencia e a calidade sen a igualdade.

As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria.   

 

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram