“Home de pan” e “Nacemento do caos” son as esculturas expostas
Alumnos de Belas Artes decoran os xardíns da facultade coas súas obras
Aos que paseen estes días polos arredores da Facultade de Belas Artes, chamaranlles a atención as estrañas esculturas que se atopan nos xardíns da entrada. Un home de pan e una obra de metal son as figuras que decoran esta zona e que non deixan impasible a ninguén. Trátase dunha iniciativa dos alumnos do centro que decidiron amosar ao público os traballos que tiveron que realizar para a materia de Escultura impartida polo decano, Ignacio Barcia.
A partir dun material elixido por eles mesmos, Barcia propúxolles facer diferentes obras por equipos, de xeito que ao cabo de dúas semanas algúns dos resultados foron o xa coñecido como Carapán e o Nacemento do Caos, os proxectos expostos nos xardíns da facultade.
As obras
O home de pan, feito cunha estrutura interior de ferro, consiste na figura dun home realizada con anacos de pan, de aí que xa sexa común chamarlle Carapán ou San pan-cracio. Javier Roque, David Quintero, Elena Torres, Ana Varela, Salvador Figueira e Alberto son os seis autores desta obra que desde onte atópase nos xardíns de Marescot. A idea destes estudantes de segundo curso de Belas Artes foi utilizar un material de uso común e ao mesmo tempo darlle un senso relixioso, por iso decidiron empregar o pan para o seu proxecto.Por outra banda, o Nacemento do Caos é a outra figura que decora a entrada da facultade. Feita con restos de metais que os alumnos encontraron, déronlle forma á que para eles é a representación do caos. Aritz, Sandra e Paula son os novos artistas que presentaron o seu traballo e que se animaron a amosalo á cidadanía.