Nos meses de xuño, xullo e setembro e aberto tamén a outros interesados
O Centro de Linguas ofrece no verán cursos de idiomas para estudantes de intercambio
Poderase estudar alemán, español para estranxeiros, francés, inglés, italiano e portugués
Coa chegada do verán, son moitos os estudantes que precisan comezar a prepararse para unha estadía no estranxeiro no vindeiro curso. Para este cometido o Centro de Linguas ofrece cada ano un catálogo de cursos de idiomas para estes estudantes, así como para todos os interesados, que desta volta comprende alemán, español para estranxeiros, francés, inglés, italiano e portugués, todos eles de 40 horas de duración e grupos de 20 persoas.
No mes de xuño botarán a andar as clases de español, de inglés, alemán, francés, italiano e portugués e no de xullo comezará outra quenda para os cursos de español, inglés, francés, italiano e portugués. Xa á volta das vacacións, no mes de setembro organizaranse tamén cursos de español para estranxeiros, inglés intensivo e portugués. Segundo explica o director do Centro de Linguas, Jorge Figueroa, "este ano ampliamos a oferta xa que, no lugar dun só curso durante o verán, ofrecemos na maior parte dos idiomas, varios cursos dunha quincena de duración". A docencia destes cursos comprende segundo o caso, a Facultade de Filoloxía e Tradución, aulas na EU de Estudos Empresariais en Torrecedeira e o Instituto Camoês no casco vello, no caso do portugués. Ademais xa na segunda quincena deste mes de xuño impartiranse cursos de inglés en Facultade de Ciencias Sociais en Pontevedra e na de Ciencias da Educación en Ourense. No tocante aos niveis, Figueroa salienta que tratándose de cursos destinados os estudantes de intercambio "o nivel é inicial, salvo no caso do inglés no que se farán grupos de nivel intermedio, igual que sucederá co portugués".
Finalidades e prezos
Estes cursos intensivos están especialmente pensados para o alumnado da Universidade de Vigo que curse o vindeiro ano académico no estranxeiro dentro de programas de mobilidade. A docencia constará tanto de clases prácticas onde se integren a comprensión e expresión orais, a comprensión e expresión escritas, a gramática e o léxico nunha variedade de exercicios e tarefas que simularán as situacións comunicativas máis comúns nas que se verá inmerso o alumnado ao chegar ao país de destino. Debido a estas necesidades comunicativas, prestarase especial atención á práctica da comprensión e expresión orais. A práctica gramatical complementarase coas explicacións teóricas necesarias.Para impartirse os cursos deberán contar cun mínimo de 10 estudantes e un máximo de 20, que recibirán 2 créditos ECTS polas horas de docencia. No tocante ao prezo, este varía segundo se trate de público xeral (160 euros), membros da comunidade universitaria (120 euros) ou dos estudantes da Universidade de Vigo que van de intercambio no ano académico 2010-11, e están rexistrados na ORI (30 euros).