Our values
This content is currently not available in English
O esforzo, a creatividade, a excelencia e a constancia leváronnos, nestes anos de actividade, a consolidármonos como a universidade moderna e innovadora que somos
Somos unha institución rigorosa, transparente, integradora, comprometida coa diversidade e coa igualdade de xénero, co respecto ao medio e coa sostibilidade ambiental. Co eixe na transferencia do coñecemento e na formación, a investigación configúrase aquí como fundamento da docencia e como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade. Así somos nós, a Universidade de Vigo.
#ValoresUVigo
1. Nova e con fortaleza
Somos unha universidade nova, nada en 1990, e en constante crecemento e consolidación. A nosa aposta pola excelencia procura converternos nunha referencia internacional na innovación e na investigación básica e aplicada.
2. Capaz e ben xestionada
Somos unha universidade que acada e mantén a excelencia e que se comporta de maneira rigorosa no cumprimento dos criterios de transparencia na súa xestión.
Equilibrio financeiro
Tras varios anos logrando o equilibrio financeiro, a Universidade de Vigo é a única universidade do Sistema Universitario Galego que acadou o superávit.
Unha universidade transparente
Figuramos no segundo posto na clasificación de transparencia de universidades españolas, no informe do 2017 da Fundación Compromiso y Transparencia.
A calidade como valor central
O noso obxectivo é acadar as máximas cotas de calidade. A calidade é un compromiso central imprescindible para levarmos a cabo a nosa misión como institución pública e desenvolver a nosa visión de futuro como un referente innovador dentro do sistema universitario e da sociedade.
3. Acolledora e respectuosa
Promovemos a transferencia de coñecemento e a mobilidade das ideas e das persoas
Somos unha universidade referente na formación e na innovación a nivel internacional, que fomenta a transferencia do coñecemento e a mobilidade da súa comunidade.
- Mobilidade para estudantes
- Estudantes entrantes. Información para ERASMUS
- Mobilidade para persoal investigador
Cremos na diversidade e defendemos a igualdade
Comprometida coa igualdade, na Universidade de Vigo é prioridade a creación de espazos onde mulleres e homes convivan nun entorno igualitario e onde todas as expresións de xénero se sintan integradas.
Procuramos a sostibilidade e o respecto
Co compromiso co medio e coa sostibilidade, a Universidade conta cunha Oficina de Medio Ambiente (OMA) e co primeiro campus de España distinguido coa bandeira Green Campus polo seu traballo en materia de xestión e educación ambiental.
Unha universidade integradora
O noso gabinete psicopedagóxico ofrece información, asesoramento e formación ao alumnado tanto no ámbito persoal como no académico. Ademais, contamos cun modelo titorial baseado na mentoría, que consiste en que alumnado dos últimos anos de grao exerza de mentor do alumnado de primeiro curso.
4. Innovadora e creativa
Aposta pola especialización e pola investigación de calidade
A Universidade de Vigo aposta desde a súa creación por levar a cabo unha investigación de calidade e con proxección internacional, cunha forte aposta pola especialización. A I+D+i achega un balance positivo, tanto no que se refire á captación de recursos externos como á produción científica.
Transferindo coñecemento, transformando a sociedade
Como institución comprometida coa súa contorna socioeconómica, a Universidade de Vigo procura que os resultados da súa investigación repercutan positivamente na sociedade e contribúan ao seu desenvolvemento. A través das diferentes fórmulas de transferencia do coñecemento, o traballo da comunidade investigadora sae dos laboratorios para colaborar e apoiar o tecido empresarial.
- Buscador de I+D+i
- Investigo. Repositorio da Universidade de Vigo que recolle, difunde e preserva a produción científica do seu persoal investigador.
5. Eficaz e transformadora
Alto impacto das spin-off da UVigo na sociedade
As spin-offs, as empresas derivadas, da Universidade de Vigo alcanzaron en 2016 un nivel de facturación de 8.981.000€, dato que amosa o seu importante impacto na nosa Universidade e na sociedade.
A nosa aposta pola innovación e o desenvolvemento
Máis de 6 millóns en contratación de I+D+i en 2016.
A importancia das prácticas do alumnado en empresas e institucións
Foron 4839 as alumnas e alumnos da Universidade de Vigo que realizaron prácticas curriculares e extracurriculares en empresas do entorno durante o curso 2016/2017.
Os nosos maiores
A participación de persoas maiores na Universidade alcanzou no curso 2016-2017 a cifra de 556 persoas, cunha satisfacción xeral acabada de 3,9 puntos sobre 5 con respecto á docencia recibida.
O impacto da facturación no ámbito local
Os datos sobre o impacto dos gastos de facturación no ano 2016 no ámbito local (Ourense, Pontevedra) foi de 15 087 718 €, que representa o 46,42% do facturado e o 48,10% dos provedores.