Docentia programme

A Lei Orgánica de Universidades (LOU) sinala, no marco da garantía de calidade das universidades, a obrigatoriedade da avaliación das actividades docentes, investigadoras e de xestión do profesorado universitario. Os nosos estatutos tamén recollen esta obriga nos seus artigos.

Os programas de avaliación da nosa universidade están deseñados tendo en conta a lexislación nacional e os estándares de calidade do EEES.

O programa de avaliación da actividade docente do profesorado universitario (Docentia) establece un modelo e uns procedementos para garantir a calidade do profesorado da nosa universidade e favorecer o seu desenvolvemento e o seu recoñecemento.

É un programa nacional adaptado e supervisado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O actual manual do programa Docentia foi aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión do 21 de decembro de 2020.

 

 Documentación

 

Resultados

Os resultados do programa Docentia poden consultarse na secretaría virtual.
 

Secretaría

Preguntas frecuentes sobre o programa Docentia

O principal obxectivo do programa de avaliación da actividade docente do profesorado da Universidade de Vigo é contribuír a mellorar a calidade da docencia e os resultados de aprendizaxe acadados polo estudantado. Ao redor deste obxectivo fundamental establécense os seguintes obxectivos: 

  • Dispor dun procedemento de avaliación e de mellora da calidade do ensino e do profesorado incluído nos sistemas de garantía de calidade das titulacións oficiais.
  • Favorecer o desenvolvemento do profesorado e a súa promoción persoal e profesional proporcionándolle evidencias obxectivas sobre a súa actividade docente. 
  • Favorecer o proceso de toma de decisións fundamentadas asociadas ás persoas con responsabilidades académicas.
  • Mellorar a información á sociedade sobre as características da oferta universitaria e o labor docente en centros e en titulacións da Universidade de Vigo.

Cunha periodicidade anual publicarase a convocatoria para a participación do profesorado na avaliación da súa actividade docente no marco do programa Docentia. Esta avaliación consistirá na valoración sistemática da docencia de cinco cursos académicos mediante a análise das evidencias documentais achegadas polo profesorado, os e as responsables académicos e a Universidade de Vigo. 

No proceso de avaliación poderá participar todo o profesorado que imparta docencia nalgún grao ou mestrado dos centros propios da Universidade de Vigo, de acordo co plan de ordenación docente (POD) e que cumpra os seguintes requisitos:

  • Impartir polo menos 150 horas no conxunto dos cinco cursos avaliados e un mínimo de 30 horas en tres dos cinco cursos avaliados.
  • Non ter períodos superiores a 18 meses nos que non impartiu docencia na Universidade de Vigo: períodos sabáticos, incapacidades temporais etc.
  • Ter resultados nas enquisas de avaliación docente en tres dos cinco cursos avaliados, agás que sexan por motivos alleos ao profesorado. 

No desenvolvemento do procedemento designaranse catro comisións: unha por cada rama de coñecemento.

Con carácter xeral a composición das comisións será a seguinte: 

  • Presidencia: un ou unha docente da rama de coñecemento específica 
  • Cinco vogais: 
    - Dous profesores ou profesoras da Universidade de Vigo 
    - Dous profesores ou profesoras que non forman parte do sistema universitario galego
    - Un ou unha estudante da Universidade de Vigo
    - Un ou unha representante sindical que participará con voz pero sen voto.

O órgano de goberno con competencias en materia de calidade seleccionará o profesorado e o estudantado da Universidade de Vigo segundo os criterios determinados pola Comisión de Calidade e a ACSUG designará o profesorado que non forme parte do sistema universitario galego. O Consello de Goberno nomeará os membros das comisións por un período máximo de tres anos.
 

A documentación necesaria para a avaliación é a seguinte: 

  • Informes institucionais dos cinco cursos académicos que se van avaliar

A Área de Calidade realiza os informes institucionais que consisten na recompilación das evidencias e dos indicadores da actividade docente do período avaliado.
As fontes de información destes informes son bases de datos institucionais, enquisas de avaliación docente e información que achegarán as persoas con responsabilidades académicas e o profesorado. 

  • Autoinforme do profesorado

O autoinforme é un documento realizado polo profesorado no que realiza unha reflexión persoal da súa actividade docente xunto cunha valoración cualitativa do período avaliado. Deberase reflexionar de forma breve sobre a actividade docente, entendida como o conxunto das actuacións realizadas dentro e fóra da aula destinadas a favorecer a aprendizaxe do estudantado, xunto coa explicación máis detallada da modalidade da docencia realizada nunha materia, que será elixida polo profesorado. 

  • Informe das persoas con responsabilidade académica:

Son documentos realizados pola dirección ou polo decanato do centro do profesorado avaliado nos que se fai unha valoración xustificada da súa actividade docente a partir da información achegada para realizar os informes institucionais de cada curso académico do período de avaliación.
 

O resultado do proceso de avaliación da actividade docente é a realización do informe de avaliación docente cunha valoración cuantitativa e cualitativa total e por dimensións da actividade docente (planificación da docencia, desenvolvemento e resultados). O informe conterá as recomendacións para a mellora propostas para o profesorado, así como as boas prácticas detectadas no desempeño da súa actividade docente. 

Acceso aos resultados:

  • Cada docente terá un acceso personalizado ao seu informe de resultados provisionais a través da secretaría virtual.
  • Os resultados agregados por titulación e por centro publicaranse na secretaría virtual e na páxina web da Universidade de Vigo, coa finalidade de dar a coñecer a todas as personas ou aos grupos de interese os resultados do desempeño docente do profesorado da Universidade de Vigo.

As principais consecuencias que ten o programa son:

  • Axudar o profesorado a reflexionar e a introducir cambios na planificación e no desenvolvemento da súa actividade docente, identificando as boas prácticas que se poden aplicar para mellorar a calidade da súa docencia.
  • Facilitar datos sobre o desempeño do seu labor docente para os procesos de:
    - Acreditación
    - Convocatorias para obter complementos autonómicos
    - Concesión de axudas en convocatorias de innovación docente da Universidade de Vigo
  • Recoñecer a actividade docente excelente do profesorado mediante un certificado
  • Valorar a actividade docente avaliada positivamente como mérito para:
    - Os concursos de méritos para a provisión de prazas de figura estable de profesorado
    - Obter a condición de profesorado emérito
    - Obter a concesión de períodos sabáticos
    - Participar como persoal avaliador no programa Docentia
  • Obter unha valoración positiva na avaliación da actividade docente (quinquenios)
  • Establecer indicadores relativos ao financiamento variable de centros e de departamentos en función dos resultados do profesorado avaliado
  • Deseñar plans de mellora individualizados adecuados ás necesidades detectadas e da súa dimensión, de tal forma que se poidan mellorar a través do seu seguimento.
  • Propoñer accións formativas incluídas no plan de formación permanente do profesorado a partir dos informes institucionais co fin de mellorar as debilidades atopadas.

Máis información:

Área de Calidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 447
uacalidade@uvigo.gal