University Ombuds

Son funcións da valedora ou valedor universitario velar polo respecto dos dereitos e das liberdades de todos os membros da comunidade universitaria

A valedora ou valedor universitario é o órgano especificamente encargado de velar polo respecto aos dereitos e ás liberdades dos membros da comunidade universitaria ante as actuacións dos diferentes órganos e dos servizos universitarios. As súas actuacións non estarán sometidas a mandato imperativo de ningunha instancia universitaria e virán rexidas polos principios de independencia e de autonomía. 
 

 

 

Foto de Esther González Pillado, defensora universitaria

Esther Pillado González
Valedora universitaria

Catedrática de Dereito Procesal na Universidade de Vigo desde febreiro de 2010, iniciou a súa actividade académica na Universidade de Santiago de Compostela onde se licenciou en Dereito e defendeu a súa tese doutoral en 1996. Incorporouse á Universidade de Vigo como profesora contratada en 1995, onde aprobou a súa oposición como titular de Universidade en 1998 e gañou a cátedra en 2010.

Durante estes anos na Universidade de Vigo compatibilizou a súa labor docente e investigadora con diversos cargos de responsabilidade. Foi secretaria xeral da Universidade de Vigo entre os anos 2006 e 2010 e directora do Departamento de Dereito Público desde 2013 ata 2019.  Coordinou o Servizo de Mediación Familiar Intraxudicial de Vigo durante os anos 2012 a 2016 e é vogal permanente da sección procesual da Comisión Xeral de Codificación. 

 

 Calquera membro da comunidade universitaria que considere que se lesionaron os seus dereitos ou intereses lexítimos pola actuación dos órganos de goberno, autoridades académicas ou servizos administrativos da Universidade de Vigo, poderá acudir á valedora universitaria e solicitar a súa intervención unha vez que se esgotaron as instancias universitarias previstas na lexislación vixente.

A valedora universitaria poderá actuar de oficio cando teña coñecemento dun asunto no que concorran as circunstancias do apartado anterior.

Requisitos para a presentación de queixas ou de reclamacións

Antes de acudir á valedora universitaria é necesario ter esgotado as instancias universitarias previstas na lexislación vixente.

1. Forma de presentación

As queixas ou as reclamacións deberán presentarse por escrito e dirixirse á valedora universitaria utilizando os modelos de instancia dispoñibles máis abaixo.

2. Contido

As queixas ou as reclamacións poderán ser tanto individuais como colectivas pero, en todo caso, cumprirá a identificación da persoa ou persoas reclamante e a súa sinatura. Deberán incluírse os datos persoais, o sector ao que pertence e o seu domicilio para os efectos de notificación. 

​​​​​Nas queixas ou nas reclamacións deberán concretarse con suficiente claridade:

  • Os feitos que orixinan a queixa
  • O motivo e o alcance da pretensión exposta
  • As xestións realizadas previamente ante a administración universitaria
  • A petición dirixida á valedora universitaria

Xunto coa queixa ou coa reclamación deberá presentarse a documentación necesaria para facilitar a súa tramitación.

3. Lugar de presentación

As queixas ou as reclamacións presentaranse na Sede electrónica ou en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo.

4. Prazo de presentación

As queixas ou as reclamacións presentaranse no prazo máximo dun mes desde que se esgotaron as instancias universitarias previstas na lexislación vixente.

Admisión das queixas ou reclamacións

Unha vez recibida a queixa ou a reclamación, nun prazo máximo de 15 días, a valedora universitaria xustificará o seu recibimento e emitirá unha contestación motivada respecto de se procede ou non a súa admisión a trámite. No caso da non admisión a trámite, comunicaráselles ás persoas interesadas a motivación que a fundamentou. O anterior non impedirá, non obstante, a investigación sobre os problemas xerais suscitados por estas queixas.

Rexeitaranse as queixas ou as reclamacións:

  • Anónimas
  • Sometidas a instancias xudiciais
  • Pendentes da resolución dun expediente disciplinario ou dun recurso administrativo interposto previamente
  • Que non esgotasen as instancias previstas na normativa aplicable

O rexeitamento dunha queixa ou dunha reclamación non impedirá a súa eventual posterior presentación, de resultar procedente, segundo as circunstancias do caso concreto.

Discursos do defensor universitario (DU)

Ponencias do defensor universitario 

Convenios

 Queixas, suxestións, parabéns

 

Máis información:

Edificio Filomena Dato, 2º andar
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 830
secvaledora@uvigo.es