O recadado irá destinado á campaña “Unidos contra o SIDA” de Unicef
Un centenar de persoas suaron a camiseta no "Maratón Solidario de Aeróbic" do campus
A quinta edición terá lugar no mes de decembro
Arredor dun centenar de persoas achegáronse nas últimas horas ao pavillón deportivo do campus coa intención de facer un pouco de exercicio e colaborar cunha boa causa, para o que participaron no Maratón Solidario de Aeróbic que cada ano organiza a vicerreitoría de Pontevedra en colaboración co Servizo de Deportes. Os participantes luciron as camisetas oficiais durante dúas horas nas que, atendendo ás instrucións dos monitores, realizaron diferentes coreografías de varias modalidades de aeróbic animados polo público asistente. Os donativos recadados irán destinados á campaña de UNICEF Unidos contra o SIDA para paliar o impacto que está tendo esta enfermidade nos nenos dos países en vías de desenvolvemento. A directora da organización non gobernamental en Pontevedra, Emilia Aldao, estivo presente no evento e manifestou a súa satisfacción de que o espírito de solidariedade da Universidade permita facer iniciativas deste tipo. Tamén asistiron o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández; a directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto e o responsable do Servizo de Deportes do campus, Gustavo Loureiro.