Segundo os datos do Observatorio Municipal de Galicia

Ourense, líder en presión fiscal por habitante

Advirten das destacadas diferenzas entre os sete grandes concellos

Tags
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 30/05/2018

O Observatorio Municipal de Galicia da Rede de Administración Local Rede Localis, xestionada polo grupo de investigación Gen da Universidade de Vigo, vén de presentar as conclusións dunha análise da situación orzamentaria e tributaria do sete concellos galegos con máis de 50.000 habitantes. “O estudo conclúe que existe unha gran diferenza no tratamento fiscal e orzamentario dos municipios galegos de máis de 50.000 habitantes. Por tanto, nin se paga o mesmo, nin o gasto por habitante é igual”, afirma en nota de prensa a entidade.

Ourense (1037 euros) e Santiago de Compostela (1008 euros), detallan desde o observatorio, son as cidades con máis ingresos municipais non financeiros per capita e Ferrol (757 euros) e Vigo (804 euros) as que teñen menos. A carga de impostos directos e indirectos por habitante é menor en Ferrol (338 euros) e Pontevedra (361 euros) e maior en Ourense (491) e Santiago de Compostela (486 euros). Incluíndo o capítulo III (taxas, prezos públicos e outros ingresos), sinalan en nota de prensa desde a entidade, “o ránking de maior presión fiscal encabézao novamente Ourense (746 euros) e Santiago de Compostela (676 euros). Pechan esta clasificación Vigo (550 euros) e Ferrol (399)”.

IBI e IAE

En canto ao Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), desde a Rede Localis sinalan que só dous concellos (Lugo e Pontevedra) realizaron actualización do imposto, que Vigo leva sen realizar unha revisión catastral desde 1990 e que a máis recente é de Santiago de Compostela no 2010. “A non revisión do catastro ten importantes efectos en materia de equidade, polos problemas de adaptación aos cambios nos valores das distintas zonas dun municipio”, indican desde o Observatorio Municipal de Galicia. 

O importe medio por recibo do IBI urbano é de 342 euros na Coruña e 308 euros en Santiago, que son os dous municipios que máis cobran, fronte aos 236 euros de Lugo ou os 245 euros de Ourense. Vigo, que é a cidade con maior poboación de toda Galicia, con 299 euros por recibo sitúase nunha situación intermedia. En canto ao recibo por habitante, Ourense (310 euros) e Santiago de Compostela (289 euros) son os que máis cobran. A situación contraria prodúcese en Lugo (211 euros), Vigo (209 euros) e Pontevedra (200 euros). Segundo detallan desde a Rede Localis, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo aplican importantes reducións fiscais no IBI (12,3, 4,2 e 2,3 euros por recibo respectivamente). Excepto Ferrol, os outros seis concellos optan por importantes bonificacións neste imposto, especialmente Santiago de Compostela, Lugo e Ourense (52,1, 33,4 e 18 euros respectivamente).

En canto ao Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), de novo hai unha importante variabilidade por municipios segundo recolle o observatorio da Rede Localis. “O coeficiente de situación, que gradúa o importe a pagar, sitúase no 3,5 de Vigo (o máximo é do 3,8) e o 1,4 de Ourense (o mínimo é do 0,4)”, indican.