Nunha xornada organizada pola Universidade e o Consello Galego de Relacións Laborais
Profesionais do sector e especialistas académicos poñen voz ás ‘Condicións de traballo no mar’
Celebráronse na Delegación da Xunta en Vigo e contaron coa participación de máis de 70 persoas
Profesionais do mundo do mar, membros do Consello Galego de Relacións Laborais, alumnos dos grados de Dereito e Administración e Dirección de Empresas, docentes e estudantes de doutoramento reuníronse esta semana na xornada Condicións de Traballo no Mar, coorganizada conxuntamente polo Consello Galego de Relacións Laborais, a Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, a Rede de Excelencia de Estudos Xurídicos-Marítimos (Redexmar) e a Fundación de Asuntos Xurídicos, Maritimos e Pesqueiros na UE (MarinnLeg).
A cita tivo lugar este mércores pola tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo e contou coa participación de máis de 70 asistentes que, ademais de debater sobre as novas condicións xurídico-marítimas, tiveron tamén a oportunidade de recibir información sobre as novas realidades ás que se enfronta o sector.
Das bandeiras de conveniencia á protección social no mar
O catedrático de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Vigo Jaime Cabeza e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais Verónica Fernández foron, xunto co delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, os encargados de inaugurar o encontro. A continuación leváronse a cabo tres mesas de traballo nas que profesionais especialistas na materia trataron de responder a diferentes cuestións relacionadas coa problemática do abandono de persoas traballadoras en alta mar, as bandeiras de conveniencia e a protección social no mar.
Ao longo da tarde analizáronse tamén a normativa da pesca da OIT e da UE e dos problemas da Seguridade Social no sector pesqueiro, entre o que destacan aspectos especialmente controvertidos como o dereito a determinadas prestacións contributivas, desemprego ou xubilación, por exemplo.
Por outra banda, representantes das principais organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia debateron tamén sobre as condicións de traballo no mar.