Alumnado de CCSS e da Comunicación participa na gravación de eventos da institución
Sacando proveito do talento audiovisual
Búscase que os estudantes realicen prácticas profesionais “fóra da contorna das aulas”
“Sacar as aulas fóra” é o que busca o profesor Paulino Pérez co alumnado de último curso de Comunicación Audiovisual. Calquera evento da Universidade de Vigo é proveitoso para “que os estudantes poidan aproximarse á realidade profesional sen saír aínda da casa”, salienta o docente, que considera toda unha oportunidade que a canteira audiovisual do campus poida achegar un valor engadido á Universidade “co seu talento”. Este xoves estes alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación puxeron en práctica todos os seus coñecementos ao gravar en directo a XXI Gala do Deporte “o que dará como resultado unha peza audiovisual da calidade esixida no mercado”, adianta Pérez.
Dende a facultade búscase que os seus alumnos e alumnas saian ao mercado laboral cunha aproximación ao que se atoparán no día a día do seu labor profesional. “Como docentes queremos que desenvolvan traballos con categoría técnica nos que comproben todos os problemas que xorden ao ter que actuar nunha contorna descoñecida”, salienta Paulino Pérez, de aí que procuren eventos cos que colaborar en materia de produción audiovisual e que teñan lugar fóra da facultade. Ademais da experiencia práctica, o docente considera que con esta iniciativa “tamén se lle está sacando proveito o que está dentro da casa” ao crear sinerxías e cooperacións entre as diferentes titulacións, departamentos e áreas de coñecemento da Universidade.