Intensive course
This content is currently not available in English
É un programa deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, favorecendo un estilo de vida activo e saudable.
Información básica
A quen vai dirixido o ciclo intensivo?
O ciclo intensivo está dirixido a todas as persoas maiores de 55 anos que teñan o tempo suficiente para o estudo e a integración nas diversas actividades con desexos de achegar a súa experiencia, así como de participar na vida académica, sen necesidade de titulación previa.
No caso de que as prazas ofrecidas non quedasen cubertas, poderanse admitir estudantes con idades inferiores aos 55 anos, pero en ningún caso inferior a 50 anos.
Horarios e calendario académico
Prazas para o ciclo intensivo
As convocatorias anuais de matrícula establecerán o número máximo e mínimo de novos e novas estudantes que poderán ser admitidos no programa en cada un dos campus. Actualmente son 30 prazas.
Créditos e materias
O ciclo intensivo ten unha carga académica de 60 créditos ECTS, distribuídos en materias de 3 e 1,5 créditos ECTS. O alumnado poderá cursar un máximo de 15 créditos por curso académico, distribuídos en dous cuadrimestres.
As materias estarán enfocadas á divulgación de diferentes temas científico-culturais. Facilitarán a análise e a reflexión sobre aspectos relacionados con eles mesmos e outras persoas; a contorna natural, social, cultural e científico; a evolución e as achegas da humanidade; a sociedade e a cultura actual e futura. Tamén terán como obxectivo, no seu conxunto, iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no ciclo integrado.
Tamén están orientadas a afondar nalgúns temas concretos das ensinanzas; a proporcionar formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros; a facilitar as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais; e a promover o acceso a actividades culturais e recreativas.
En ningún caso os créditos cursados no ciclo integrado poderán computarse ou validarse como créditos do ciclo intensivo.
Título
Unha vez superados os 60 créditos ECTS dos que se compón o ciclo intensivo, outorgarase a correspondente acreditación mediante un título propio de «titulado/a universitario Senior en Cultura e Sociedade».
Tes a decisión tomada?
Para máis información sobre o Programa universitario de maiores, podes contactar con:
- Campus de Ourense asc-ou@uvigo.gal
988 387 102 - Campus de Pontevedra maiores.pontevedra@uvigo.gal
986 801 909 - Campus de Vigo extension@uvigo.gal
986 813 626