Os nosos valores
O esforzo, a creatividade, a excelencia e a constancia leváronnos, nestes anos de actividade, a consolidármonos como a universidade moderna e innovadora que somos
Somos unha institución rigorosa, transparente, integradora, comprometida coa diversidade e coa igualdade de xénero, co respecto ao medio e coa sostibilidade ambiental. Co eixe na transferencia do coñecemento e na formación, a investigación configúrase aquí como fundamento da docencia e como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade. Así somos nós, a Universidade de Vigo.
#ValoresUVigo
1. Nova e con fortaleza
Somos unha universidade nova, nada en 1990, e en constante crecemento e consolidación. A nosa aposta pola excelencia procura converternos nunha referencia internacional na innovación e na investigación básica e aplicada.
2. Capaz e ben xestionada
Somos unha universidade que acada e mantén a excelencia e que se comporta de maneira rigorosa no cumprimento dos criterios de transparencia na súa xestión.
Equilibrio financeiro
Tras varios anos logrando o equilibrio financeiro, a Universidade de Vigo é a única universidade do sistema universitario de Galicia (SUG) que acadou o superávit.
Unha universidade transparente
No seu último ránking, Dyntra sitúa a Universidade de Vigo como a primeira administración pública galega e a terceira universidade de España máis transparente.
A calidade como valor central
O noso obxectivo é acadar as máximas cotas de calidade. A calidade é un compromiso central imprescindible para levarmos a cabo a nosa misión como institución pública e desenvolver a nosa visión de futuro como un referente innovador dentro do sistema universitario e da sociedade.
3. Acolledora e respectuosa
Promovemos a transferencia de coñecemento e a mobilidade das ideas e das persoas
Somos unha universidade referente na formación e na innovación a nivel internacional, que fomenta a transferencia do coñecemento e a mobilidade da súa comunidade.
- Mobilidade para estudantes
- Estudantes entrantes. Información para ERASMUS
- Mobilidade para persoal investigador
Cremos na diversidade e defendemos a igualdade
Comprometida coa igualdade, na Universidade de Vigo é prioridade a creación de espazos onde mulleres e homes convivan nunha contorna igualitaria e onde todas as expresións de xénero se sintan integradas.
Procuramos a sostibilidade e o respecto
Co compromiso co medio e coa sostibilidade, a universidade conta cunha Oficina de Medio Ambiente (OMA) e co primeiro campus de España distinguido coa bandeira Green Campus polo seu traballo en materia de xestión e educación ambiental.
Unha universidade integradora
O noso gabinete psicopedagóxico ofrece información, asesoramento e formación ao estudantado tanto no ámbito persoal como no académico. Ademais, contamos cun modelo titorial baseado na mentoría, que consiste en que o estudantado dos últimos anos de grao exerza de mentor do estudantado de primeiro curso.
4. Innovadora e creativa
Aposta pola especialización e pola investigación de calidade
A Universidade de Vigo aposta desde a súa creación por levar a cabo unha investigación de calidade e con proxección internacional, cunha forte aposta pola especialización. A I+D+i achega un balance positivo, tanto no que se refire á captación de recursos externos como á produción científica.
Transferindo coñecemento, transformando a sociedade
Como institución comprometida coa súa contorna socioeconómica, a Universidade de Vigo procura que os resultados da súa investigación repercutan positivamente na sociedade e contribúan ao seu desenvolvemento. A través das diferentes fórmulas de transferencia do coñecemento, o traballo da comunidade investigadora sae dos laboratorios para colaborar e apoiar ao tecido empresarial.
- Buscador de I+D+i
- Investigo. Repositorio da Universidade de Vigo que recolle, difunde e preserva a produción científica do seu persoal investigador.
5. Eficaz e transformadora
Alto impacto das spin-off da UVigo na sociedade
As spin-offs, as empresas derivadas da Universidade de Vigo, teñen un importante impacto na nosa universidade e na sociedade. A continuación amosámosche o catálogo de empresas derivadas da UVigo
A nosa aposta pola innovación e o desenvolvemento
No Portal de transparencia recóllense os indicadores relativos á actividade de investigación realizada pola Universidade de Vigo, así coma á transferencia de resultados da dita investigación, actividade de I+D+I do persoal investigador e dos grupos de investigación, o repositorio da produción científica e o impacto dos resultados bibliométricos.
A importancia das prácticas do estudantado en empresas e institucións
Cada ano son máis as alumnas e alumnos da Universidade de Vigo que realizan prácticas curriculares e extracurriculares en empresas da contorna durante. De seguido, podes consultar os indicadores relacionados coa realización de prácticas curriculares e extracurriculares en empresas, institucións e entidades de carácter público e privado, tanto nacionais coma internacionais