Mapamundi-Erasmus

Estudantes saíntes


Información xeral

O estudantado da Universidade de Vigo poderá participar nas diversas convocatorias de mobilidade que a Oficina de Relacións Internacionais publica ao longo do curso. As convocatorias publícanse a partir do mes de outubro para participar na mobilidade no curso seguinte.

O programa no que hai un número maior de participantes é o programa Erasmus+, pero a Universidade de Vigo ofrece outros programas que permiten ao seu estudantado gozar de bolsas en moitos países do resto de continentes.

No portal do alumnado atoparás os formularios de solicitude de mobilidades, as túas solicitudes, as túas ofertas de mobilidade, o teu acordo de estudos e tamén poderás achegar a documentación requirida.

Portal do alumnado saínte

 

Programas nacionais

O Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios de España (SICUE) permite cursar un semestre ou un ano completo nunha universidade española, un período recoñecido de estudos en virtude dos convenios asinados. A convocatoria publícase no mes de febreiro de cada ano.

De seguido podes consultar os convenios asinados pola Universidade de Vigo con outras universidades no marco do programa SICUE para o curso 2022/2023:


Programas internacionais

Erasmus+

O programa Erasmus+ permite cursar estudos recoñecidos nas institucións europeas coas que a Universidade de Vigo ten asinados convenios de colaboración (Erasmus KA 131 con países do programa) ou con institucións de países extracomunitarios (Erasmus+ KA 171 con países asociados).

Poden participar estudantes de grao, mestrado e doutoramento e pódense gozar de ata 12 meses de bolsa en cada un dos tres ciclos de estudos.

O estudantado interesado en participar deberá solicitar a bolsa na Universidade de Vigo.

A partir do mes de outubro de cada curso publícase a convocatoria para o curso seguinte.

CONSULTA A CONVOCATORIA​​​​

Ao abeiro do programa Erasmus+, a acción KA171 ten como obxectivo fomentar a mobilidade do estudantado, así como do persoal universitario. Ofrece oportunidades de formación e de docencia mediante intercambios a través de acordos con institucións socias en países asociados, fóra da Unión Europea. 

Máis información sobre o programa:

  • Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE)
  • European Commission Education, Audiovisual and Culture Executive Agency (EACEA)

Ver convocatorias

O programa Erasmus+ prácticas posibilita que o estudantado matriculado en titulacións oficiais na Universidade de Vigo poida realizar prácticas relacionadas coa súa titulación en empresas e institucións europeas de países adheridos ao citado programa.

Tamén pode participar o estudantado recén titulado coa condición de que realice as prácticas no ano seguinte á súa graduación e presente a solicitude mentres estea matriculado.

As prácticas poderán ter unha duración mínima de dous meses e máxima de 12 meses.

CONSULTA A CONVOCATORIA

O programa Erasmus+ 2021-2027 ofrécelles unha nova posibilidade ás universidades participantes de financiar os cursos intensivos combinados ou Blended Intensive Programme (BIP), que inclúen unha formación a distancia previa a unha actividade de mobilidade física, estadías de curta duración de 5 a 30 días, co obxecto de facer un programa máis inclusivo e beneficiar un maior número de participantes. 

A Universidade de Vigo, en posesión da Carta Erasmus de Educación Superior para o período 2021-2027, solicitou financiamento para a realización de actividades de mobilidade, entre outras, estadías de curta duración.

Convocatoria


Outros programas

En virtude dos convenios de cooperación asinados entre a Universidade de Vigo e outras institucións de ensino superior extracomunitarias, publícanse anualmente as convocatorias dirixidas a estudantes de grao.

CONSULTA A CONVOCATORIA

ISEP (International Student Exchange Programme) é unha rede de máis de 200 universidades de todo o mundo que ten por obxectivo facilitar a mobilidade física de estudantes dos últimos anos de grao e de posgrao.

A través do ISEP, o estudantado da Universidade de Vigo pode realizar nunha universidade americana un curso completo (agosto-maio) ou un semestre (agosto-decembro ou xaneiro-maio). Elixirase entre máis de 150 universidades estadounidenses que contan cunha ampla gama de programas de estudos.

De xeito xeral, a Universidade de Vigo ten asignado un máximo de 15 prazas anuais ou 30 dun semestre.

Os candidatos ou candidatas admitidos terán aloxamento e manutención gratuítos, segundo o sistema de reciprocidade institucional, durante a súa estadía na universidade estadounidense e non aboarán taxas de matrícula na universidade receptora. Aboarán un importe á Universidade de Vigo que será establecido na convocatoria.

CONSULTA A CONVOCATORIA

O GE4 (Global Education: Exchanges for Engineers and Entrepreneurs) é unha asociación que ten como obxectivo promover os intercambios de excelencia de estudantes e docentes no ámbito da enxeñaría.

CONSULTA A CONVOCATORIA

O programa consiste na realización de prácticas industriais por estudantes da UE / COSME.

Comeza en setembro e remata en agosto do ano seguinte para axustarse ao ano académico nos Estados membros da UE / COSME.

Obxectivos

  • Estudar a gama de tecnoloxías máis avanzadas utilizadas por unha empresa xaponesa líder.
  • Aprender xaponés, así como apreciar e comprender a cultura xaponesa ao ter vivido unha rica experiencia dun año no estranxeiro.
  • Ampliar as expectativas laborais ao entrar en contacto con profesionais e empresas xaponesas.

Consulta toda a información da bolsa


Libre mobilidade 

Considérase un ou unha estudante de libre mobilidade quen realice unha estadía académica temporal nunha institución de educación superior estranxeira para efectuar estudos relacionados cunha titulación oficial da Universidade de Vigo, sen o requisito da concesión dunha praza de mobilidade ao abeiro dos programas, acordos ou convenios subscritos pola Universidade de Vigo.


Bolsas

O Banco Santander no marco dos convenios asinados coas universidades ofrece diferentes tipos de bolsas. A Universidade de Vigo publicará as convocatorias e os/as interesados/as deberán incribirse na plataforma do Santander nos prazos establecidos para cada convocatoria:

  1. Bolsas Santander Erasmus+: bolsas complementarias para o estudantado seleccionado no marco da convocatoria Erasmus+ Estudos. O estudantado interesado deberá consultar as bases da convocatoria Erasmus+ da Universidade de Vigo.
  2. Bolsas Santander Grao: bolsas para estudantes de Grao que cursen estudos nas universidades de destino de América Latina coas que a Universidade de Vigo ten convenio de intercambio de estudantes. 19 bolsas de 3000 euros.

    CONSULTA A CONVOCATORIA

  3. Bolsas Santander Investigación: Pretende reforzar a mobilidade e o intercambio de investigadores e estudantes de doutoramento. 1 bolsa por curso de 5000 euros.

    CONSULTA A CONVOCATORIA

As e os estudantades da Universidade de Vigo que participen nalgún dos programas de mobilidade internacional (ISEP, bolsas de mobilidade propias, GE4, Erasmus) terán acceso á axuda complementaria da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, poden existir outras fontes de financiamento complementarias procedentes das deputacións provinciais. 
 

Bolsas das deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra

 

Para máis información, podes contactar coa Oficina de Relacións Internacionais
outgoing.ori@uvigo.gal
+34 986 813 550