Asociacións universitarias
Todo o estudantado ten dereito a asociarse libremente dentro da comunidade universitaria para velar polo cumprimento dos seus dereitos e deberes, potenciar a participación en todos os ámbitos e contribuír aos fins da universidade.
As asociacións de estudantes na Universidade de Vigo son as que se comprometan e impliquen na defensa dos bens culturais e universitarios en réxime de liberdade, autonomía, representatividade e auténtica participación dos seus asociados e asociadas, dentro do respecto ao ordenamento xurídico do Estado, da comunidade autónoma de Galicia e da Universidade de Vigo. A estrutura e o funcionamento interno das asociacións deberán ser democráticos e rexerse por uns estatutos aprobados polos órganos competentes.
Deberán constituirse de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/2002 de 22 de marzo e no regulamento de estudantes desta universidade (DOG do 26 de maio de 2021).
Censo de asociacións estudantís universitarias
O Regulamento de estudantes da Universidade de Vigo recolle o dereito de asociación destes e a súa inclusión no censo público sempre que se constitúan de acordo coa lexislación vixente. Na nosa universidade existe un censo público que deberá actualizarse anualmente, coa finalidade de establecer baremos obxectivos do grao de participación asociativa da comunidade universitaria e de cara á supervisión da concesión das diferentes axudas e á participación das asociacións en todo o referente á vida universitaria (órganos colexiados, convocatorias culturais...).
Inclusión ou actualización dunha asociación estudantil no censo
Poden solicitar a inclusión no censo oficial de asociacións estudantís da Universidade de Vigo as asociacións estudantís nas que a porcentaxe de membros estudantes da universidade sexa igual ou superior ao 50% do total de persoas asociadas.
A actualización dos datos no censo público de asocacións estudantís da Universidade de Vigo realizase anualmente. Se con anterioridade ao cumprimento do ano se producise algunha modificación nos datos da asociación, esta deberá ser comunicada no momento que suceda (cambio de membros da xunta directiva, modificación dos estatutos da asociación estudantil, modificación da denominación da asociación estudantil...).
O proceso de inclusión e o proceso de actualización/ modificación, poden consultarse nas convocatorias correspondentes. Na seguinte ligazón podes acceder a elas:
Convocatoria inclusión Convocatoria actualización/modificación
Listaxe de asociacións universitarias
Existen dous tipos de asociacións universitarias:
- Ámbito xeral: aquela asociación que dirixe a súa actividade ao conxunto da comunidade universitaria, ten asociados en diversos centros e unha actividade cultural e social que responde aos intereses de persoas e colectivos amplos.
- Ámbito sectorial: aquela asociación que restrinxe as súas actuacións a actividades sectoriais ou ben só ten presenza nunha titulación ou nun ámbito reducido (nun so centro ou un so tipo de actividades).
No seguinte enlace podes consultar o listado de asociacións universitarias en activo:
Para máis información, podes contactar con:
Campus de Vigo
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal
Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade
+34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal
Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal




