Domingo Docampo Amoedo

(1998-2006)

Toma de posesión de Domingo do Campo

Catedrático da Área de Teoría do Sinal e da Comunicacións da Universidade de Vigo desde 1992, Domingo Docampo Amoedo (Redondela, 1954) doutorouse en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1984. Na Universidade de Vigo foi director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación (1988-1990), director do Departamento de Tecnoloxías das Comunicacións (1991-1993 e 1996-1998) e reitor (1998-2006). Entre os anos 2001 e 2002 foi o presidente da Comisión Sectorial de I+D e presidente do grupo de traballo de Espazo Europeo (2002-2006) da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE). Coordinador do Programa Imán de captación de talento da Xunta de Galicia, entre os anos 2008 e 2009. Tamén presidiu a Comisión de Avaliación de Títulos e Programas, AQU Catalunya (2008-2011) e foi medalla de ouro dos consellos sociais das universidades españolas (2006) e membro de honra da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (1998).

Participante no comité científico e organizador de 15 congresos internacionais, Docampo é revisor para unha ducia de publicacións internacionais no ámbito das telecomunicacións e da bibliometría. Conferenciante invitado en máis de 70 universidades de Europa, Australia, Estados Unidos e Iberoamérica e investigador invitado en institucións académicas de Australia, EE.UU e Francia, é coautor de máis de 70 artigos e comunicacións en revistas, libros e actas de congresos internacionais no campo do procesamento estatístico do sinal. 

Nos últimos anos centra o seu esforzo investigador na educación internacional comparada, ámbito no que conta cunha ducia de publicacións en revistas internacionais.