Reputación e impacto
O rendemento de contas cara á sociedade na que se inscribe debe ser unha actividade básica de calquera administración pública, xa que a sociedade ten dereito de coñecer e fiscalizar esas actividades. Así mesmo, a presenza e o prestixio da Universidade Vigo, tanto na categoría nacional como internacional, son piares básicos para atraer o talento, as investigacións, o estudantado e incluso os recursos que axuden a manter a máis alta calidade na súa xestión, docencia e investigación para así acadar os seus obxectivos de cara á sociedade á que pertence.
Na Universidade de Vigo somos consciente da importancia do rendemento de contas e levamos varios anos participando nas clasificacións nacionais e internacionais de educación superior máis relevantes. As diversas clasificacións valoran desde a capacidade investigadora, ata a docencia, a citación, a produción científica, os artigos académicos, a transferencia de coñecemento ou as patentes rexistradas.
Entre as clasificacións máis destacadas na categoría mundial temos o ránking de Shanghai, o Times Higher Education (THE) ou o Green Metric. A posición da Universidade de Vigo neles é a seguinte:
- Na edición Academic Ranking of Word Universities 2020 do ránking de Shanghai, a Universidade de Vigo volve ao grupo das 501-600 mellores universidades do mundo. Este ránking tamén realiza unha clasificación por materias. Nesta edición, a nosa universidade ten excelentes resultados nas seguintes áreas: Ciencias e Tecnoloxías da Alimentación, cunha posición no grupo 51-75; en Oceanografía, no grupo 101-150; en telecomunicación, enxeñaría civil, turismo, ecoloxía, ciencias atmosféricas e en enxeñería electrónica e eléctrica, nas que se atopa no grupo 201-300.
- No Times Young University Ranking 2021 a nosa posición na categoría mundial está no grupo 251-300.
- No THE University Impact, que ten como obxectivo medir o impacto das universidades na sociedade con base no éxito das institucións para cumprir os obxectivos da Axenda 2030, na súa edición do 2021 participaron 1.118 universidades de preto de 94 países. A UVigo atópase no grupo 201-300 a nivel mundial, e acada o posto 22 na súa puntuación global en España.
- Na edición do QS World University Rankings 2022, a UVigo atópase no grupo 1.01-1200 das 1000 mellores universidades do mundo.
- No Green Metric, que mide as universidades pola súa sustentabilidade ambiental, a UVigo ocupa o posto 342a nivel mundial e 21 en España cunha puntuación total de 6.475 puntos. A puntuación máis alta é do apartado relativo ao lixo cunha punciación de 1.275. A segunda puntuación máis alta obtida, con 1.250 puntos, é a referente á enerxía e cambio climático.
Nos ránkings de transparencia, a Universidade de Vigo atópase nas primeiras posicións na clasificación elaborada pola Fundación Compromiso e Transparencia e na plataforma colaborativa DYNTRA.
No portal de transparencia existe unha sección sobre clasificacións, premios e distincións onde se recollen as novas relacionadas con eses temas. Tamén se poden ver os informes sobre a posición da universidade nas distintas clasificacións.
Por outro lado, hai anos que na Universidade de Vigo temos un compromiso coa transparencia e co rendemento de contas, polo que publicamos información sobre os resultados da actividade da institución a través da nosa web. Froito do noso compromiso e das obrigas recollidas tanto na normativa estatal, como autonómica, así como na normativa interna, a nosa universidade publica, mantén e ofrece a información actualizada máis importante relacionada cos datos máis destacables, cos indicadores económicos, académicos, de investigación etc., importantes para dar a coñecer a nosa actividade.