O Campus do Mar
Referencia internacional para o coñecemento dos océanos
O Campus de Excelencia Internacional - Campus do Mar (CDM), liderado pola Universidade de Vigo e promovido tamén polas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, o Consello Superior de Investigacións Científicas e o Instituto Español de Oceanografía, é un campus transfronteirizo que conta, ademais, coas universidades portuguesas de Aveiro, Minho, Porto, Coimbra e Tras os Montes e Alto Douro, os institutos politécnicos de Leiría, Porto e Viana do Castelo e que, xunto ás plataformas e centros tecnolóxicos, agrega os axentes investigadores e socioeconómicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal relacionados co ámbito mariño.
A agrupación de I+D+i do Campus do Mar agrega máis de 3.000 investigadores e investigadoras pertencentes a 25 institucións, 1.400 doutores e doutoras, que suman máis de 10.500 traballos de investigación publicados, máis de 600 teses de doutoramento e máis de 6.000 proxectos de investigación ao longo dos últimos cinco anos.
Unha decisión estratéxica
Apostar polo mar como elemento vertebrador do Campus de Excelencia Internacional da eurorrexión non é casual, senón unha necesidade demandada pola extensa rede de I+D+i mariña existente no noroeste da península ibérica. Universidades, organismos públicos de investigación, centros e plataformas tecnolóxicas cun gran potencial que se sitúan nun territorio coas condicións de partida idóneas para converterse nun polo de xeración de coñecemento de excelencia e atracción de talento a nivel mundial.
Por iso, o Campus do Mar busca converterse en dinamizador dunha rede transfronteiriza e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de coñecemento, que forme aos mellores profesionais e investigadores no ámbito das ciencias e das tecnoloxías do mar, que xere investigación de calidade e impacto internacional e que proporcione á industria as ferramentas para mellorar a súa competitividade a escala global.
Como servizos destacados, ofrece un Programa de doutoramento en ciencia, tecnoloxía e xestión do mar "DO*MAR", un portal de emprego, chamado "MAR*JOB", unha plataforma de cursos MOOC e o Campus Dixital do Mar "DIGIMAR".