Honoris causa
A Universidade de Vigo pódelles conceder o grao de doutor honoris causa ás persoas físicas que destaquen no eido da investigación e da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben naqueloutras actividades con repercusión notoria e importante desde o punto de vista tecnolóxico e social en Galicia e no mundo en xeral.
Nicholas Kotov (2023)
Investidura: 12/06/2023; Padriño: Prof. Dr. Luis Liz Marzán
Recoñecido internacionalmente polos seus descubrimentos fundacionais no campo das nanoestruturas biomiméticas, Nicholas A. Kotov é docente e investigador da Universidade de Michigan. Ademais dos seus grandes logros científicos no campo das nanoestruturas biomiméticas, que transcederon a numerosas disciplinas, desde a enxeñaría química ata a ciencia dos materiais, Kotov tamén destacou pola súa capacidade para recrear no seu laboratorio o proceso universal mediante o que ten un lugar a ensamblaxe de estruturas biolóxicas moi complexas, así como o descubrimento das vías que utiliza a natureza para crear estes materiais complexos. Con esta visión, o químico sintetizou un gran número de materiais con propiedades extraordinarias que previamente se consideraban inalcanzables.
Jacquelyn C. Campbell (2018)
Investidura: 20/06/2018; Madriña: Prof. Dra. María Lameiras
Jacquelyn C. Campbell (1946) está considerada unha das máis sobresalientes académicas en materia de violencia de xénero. O seu traballo no eido académico como docente, investigadora e clínica iníciase na década do anos 80, nos que comeza o pioneiro traballo arredor da problemática da violencia de xénero, cando este era aínda un tema invisibilizado. O liderado que ten acadado a profesora como científica na problemática da violencia de xénero, e de xeito relevante sobre a violencia exercida contra as mulleres polas súas parellas afectivas, ven avalado por un extenso e relevante curriculo con case 300 publicacións.
Inmaculada Paz Andrade (2018)
Investidura: 02/05/2018; Padriño: Prof. Dr. José Luis Legido
María Inmaculada Paz Andrade (1928) considerada unha referencia mundial nos ámbitos da microcalorimetría e da calorimetría diferencial de barrido, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, foi a primeira muller nomeada profesora visitante da Universidade de Manchester en 1979. Previamente, en 1964, foi tamén a primeira profesora adxunta interina na Universidade de Santiago de Compostela, onde en 1983 se convertería na primeira catedrática de Física Aplicada.
Emilio Rolán Mosquera (2016)
Investidura: 22/06/2016; Padriño: Prof. Dr. Pedro Pablo Gallego Veigas
Emilio Rolán Mosquera (1935) é un médico e biólogo galego especializado en Malacoloxía. Realizou grandes achegas en materia de taxonomía de moluscos mariños, describindo máis de 1000 especies novas. É considerado actualmente o taxónomo máis produtivo do mundo mariño e un dos expertos mundiais máis afamados. Posúe unha das maiores coleccións de conchas de moluscos mariños e de máis biodiversidade do mundo.
Erín Moure (2016)
Investidura: 22/06/2016; Madriña: Prof. Dr. Belén Martín Lucas
Erín Moure (1955) é unha das poetas máis activas e experimentais no panorama norteamericano contemporáneo, así como unha prolífica tradutora desde o galego, o portugués, o español e o francés. Fixo unha excepcional achega á difusión da obra de Rosalía de Castro no mundo anglófono coa súa tradución de Cantares gallegos.
Michael W. Hanemann (2015)
Investidura: 29/01/2015; Padriño: Prof. Dr. Xavier Labandeira Villot
Michael W. Hanemann (1944) é un economista e destacado académico no campo da economía medioambiental e dos recursos. Os seus estudos oriéntanse a explorar o pasado, presente e o futuro da auga e como o cambio climático afectará ao suminsitro, á distribución e aos custos da auga nos Estados Unidos, así como a nivel global.
Julio Casado Linarejos (2013)
Investidura: 28/01/2013; Padriño: Prof. Dr. Juan Carlos Mejuto Fernández
Julio Casado Linarejos (1939-2018) foi catedrático emérito de Química Física da Universidad de Salamanca cunha ampla traxectoria profesional e máis de 150 artigos publicados en revistas internacionais. Gañou unha medalla de investigación da Real Sociedad Española de Química e recibiu, entre outros, o Premio de investigación Sigma-Aldrich e o Premio María de Maeztu á excelencia científica. Contribuíu á creación e á consolidación dunha escola de investigadores en proxectos nacionais e internacionais.
Agustín Fernández Paz (2013)
Investidura: 28/01/2013; Padriño: Prof. Dr. Xosé Henrique Costas González
Agustín Fernández Paz (1947-2016) foi un escritor en lingua galega, considerado entre os dez mellores autores mundiais de literatura infantil e xuvenil do século XX. Algunhas das súas obras foron traducidas a máis de vinte linguas. Membro do Consello da Cultura Galega e gañador en 2008 do Premio nacional de literatura infantil y juvenil.
José Manuel Silva Rodríguez (2012)
Investidura: 27/01/2012; Padriño: Prof. Dr. Enrique Valero Gutiérrez del Olmo
Jose Manuel Silva Rodriguez (1949) é enxeñeiro agrónomo. Empezou as súas actividades vinculadas ás institucións comunitarias en 1983 como parte da delegación española para a adhesión de España á UE. Ocupou os postos de director xeral de agricultura e director xeral de investigación da UE. Foi un dos principais impulsores do Espazo Europeo de Investigación (EEI) co obxecto de favorecer a libre circulación do coñecemento.
Jorge Martínez-Vázquez (2011)
Investidura: 31/01/2011; Padriño: Prof. Dr. Santiago Lago Peñas
Jorge Martínez-Vázquez (1948) é un recoñecido experto no ámbito da economía pública, en xeral, e nas áreas de descentralización fiscal, imposición e xestión tributaria, en particular. Dirixiu en diferentes países varios proxectos de reforma fiscal e é asesor de varios países do leste, Rusia, Asia, América Latina, así como do FMI, Banco Mundial e ONU.
Takeshi Yasumoto (2010)
Investidura: 28/01/2010; Padriño: Prof. Dr. José Antonio Rodríguez Vázquez
Takeshi Yasumoto (1935) é un científico xaponés recoñecido pola comunidade científica internacional grazas aos seus estudos sobre os produtos naturais mariños e as toxinas que causan as mareas vermellas. Na actualidade dirixe o prestixioso Okinawa Science and Technology Promotion Centre de Xapón. Conta con máis de 600 traballos de investigación realizados e máis dunha decena de distincións honoríficas.
Timothy J. Kehoe (2008)
Investidura: 01/02/2008; Padriño: Prof. Dr. José M.ª da Rocha Álvarez
Timothy Jerome Kehoe (1953) é un economista estadounidense experto en crecemento e recesións económicas e economía internacional. A súa especialidade é a teoría e a aplicación dos modelos de equilibrio xeral. Estudou o impacto en España do ingreso do país na Unión Europea, así como a reforma fiscal española. É membro do Consello Científico e do Padroado da Fundación Instituto Madrileño de Estudios Avanzados (IMDEA Ciencias Sociais).
Lynn Margulis (2007)
Investidura: 26/01/2007; Madriña: Prof. Dra. Luisa Castro Cerceda
Lynn Margulis (1938-2011) foi unha destacada bióloga estadounidense, considerada unha das principais figuras no campo da evolución biolóxica ao descubrir un importante fito: a orixe das células eucariotas como consecuencia da incorporación simbiótica de diversas células procariotas (Teoría da endosimbiose seriada (SET).
Jagannath Prasad Das (2004)
Investidura: 17/12/2004; Padriño: Prof. Dr. Manuel Deaño Deaño
Jagannath Prasad Das (1931) é un psicólogo canadiense de orixe indio, experto en Psicoloxía Educativa, Intelixencia e Desenvolvemento da Infancia. As súas áreas de investigación inclúen a avaliación e os procesos cognitivos, o atraso mental e as dificultades de aprendizaxe. Os seus traballos sobre a reformulación do concepto e valoración da intelixencia (teoría PASS de intelixencia) son recoñecidos internacionalmente.
Antonio Bonet Correa (2004)
Investidura: 01/09/2004; Madriña: Prof. Dra. M.ª Victoria Carballo-Calero Ramos
Antonio Bonet Correa (1925) é catedrático e historiador de arte, presidente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando desde decembro de 2008 e membro da Academia Galega de Belas Artes. Desenvolveu o seu labor tamén como director do Museo de Belas Artes de Sevilla, e é autor de numerosas obras e artigos científicos sobre a arte hispanoamericana, urbanismo e barroco español.
Carlos Fuentes Macías (2001)
Investidura: 29/05/2001; Padriño: Prof. Dr. Manuel Candelas Colodrón
Carlos Fuentes Macías (1928-2012) foi un escritor, intelectual e diplomático mexicano, e un dos autores máis destacados do seu país e das letras hispanoamericanas. Ata o día do seu falecemento, foi considerado por un sector do público e da crítica literaria candidato para obter o Premio Nobel de Literatura. Tamén exerceu unha intensa actividade académica.
Xosé Luís Méndez Ferrín (1999)
Investidura: 19/05/1999; Madriña: Prof. Dra. Camino Noia Campos
Xosé Luís Méndez Ferrín (1938) é un político e escritor español en lingua galega, ampliamente recoñecido como un dos máis importantes e representativos da literatura galega contemporánea. Doutor en Filoloxía, Méndez Ferrín ocupou o posto de presidente da Real Academia Galega (RAG) desde o ano 2010 ata o 2013 e foi galardoado con numerosos premios.
César Milstein (1999)
Investidura: 10/05/1999; Madriña: Prof. Dra. África González Fernández
César Milstein (1927-2002) foi un bioquímico arxentino nacionalizado británico, gañador do Premio Nobel de Medicina en 1984, outorgado polas súas investigacións sobre o sistema inmunitario e o descubrimento do principio da produción dos anticorpos monoclonais, que hoxe se utilizan para a detección precoz de tumores.
Xaime Isla Couto (1999)
Investidura: 30/04/1999; Padriño: Prof. Dr. Manuel Fernández Areal
Xaime Isla Couto (1915-2012) foi un ensaísta, avogado, economista, animador cultural e político do galeguismo, así como cofundador da Editorial Galaxia desde onde animou os traballos de socioloxía, economía e estudos de organización local, aportando unha visión novidosa sobre a economía social. Participou nos grandes momentos do galeguismo político e cultural do século XXI e foi un dos pioneiros na aplicación da perspectiva económica á acción galeguista.
Anibal Ramón Figueiras Vidal (1999)
Investidura: 28/01/1999; Padriño: Prof. Dr. Ramón Carmelo Hermida Domínguez
Anibal Ramón Figueiras Vidal (1950) é académico da Real Academia de Ingeniería (RAI) e experto en intelixencia artificial. A súa docencia e investigación oriéntanse cara ás comunicacións dixitais, o tratamento dixital da información e a aprendizaxe máquina, con aplicacións en transmisión, axuda á decisión, minería de datos e información, e xestión de información en organizacións e de contidos en redes de telecomunicacións, e actuacións baixo o concepto de “smart society”.
Jaime Gil Aluja (1997)
Investidura: 16/12/1997; Padriño: Prof. Dr. Camilo Prado Freire
Jaume Gil Aluja (1936) é un catedrático da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Barcelona (UB). É experto en Lóxica Borrosa, que a define como a forma ideal de tratar a predicción e o futuro. Traballou durante 35 anos na teoría dos conxuntos borrosos e desde 1983 realiza investigacións destinadas á súa utilización na economía e á xestión de empresas.
Victoriano Reinoso y Reino (1997)
Investidura: 9/11/1997; Padriño: Prof. Dr. Manuel Pérez Donsión
Victoriano Reinoso y Reino (1948-2002) foi un empresario de prestixio que ocupou a presidencia da compañía Unión Fenosa desde o 23 de marzo de 2002, despois de trinta anos traballando alí. Nese tempo contribuíu ao fortalecemiento patrimonial e financeiro da empresa e, posteriormente, á súa entrada en novos sectores, como as telecomunicacións, a consultoría e o negocio do gas natural.
Pierre Gilles de Gennes (1997)
Investidura: 09/07/1997; Padriño: Prof. Dr. Mariano J. Pérez Martínez-Perez Amor
Pierre-Gilles de Gennes (1932-2007) foi un físico francés, gañador do Premio Nobel de Física en 1991 por "o descubrimento e desenvolvemento de métodos avanzados para estudar os fenómenos simples dos materiais, para crear formas máis complexas de materia, en particular, cristais líquidos e polímeros". Traballou en material granular e na natureza dos obxectos na memoria no cerebro.
Francisco J. Ayala (1996)
Investidura: 19/06/1996; Padriño: Prof. Dr. F. Javier Rodríguez Berrocal
Francisco José Ayala Pereda (1934) é un biólogo español, nacionalizado estadounidense, especialista en Bioloxía Evolutiva. Pertence á segunda xeración dos representantes máis ilustres do neodarwinismo. Recoñecido polos seus estudos sobre o reloxo molecular, así como, sobre todo, pola súas investigacións sobre a reproducción dos axentes do mal de Chagas e da malaria.
Xosé Filgueira Valverde (1996)
Investidura: 31/05/1996; Madriña: Prof. Dra. Camino Noia Campos
Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) foi un escritor, investigador e crítico español en lingua galega e castelá. Foi unha persoa de profunda cultura humanista e de obra extensa e divulgativa, e un personaxe fundamental no transcorrer da cultura e literatura galegas ao longo do século XX. Presidiu o Consello da Cultura Galega e foi membro da Real Academia Galega.
Gregorio Peces-Barba Martínez (1996)
Investidura: 28/03/1996; Padriño: Prof. Dr. Luis Rodríguez Ennes
Gregorio Peces-Barba Martínez (1938-2012) foi un político, xurista e catedrático español de Filosofía do Dereito. Foi un dos sete pais da actual Constitución Española e presidente do Congreso de los Diputados desde 1982 ata 1986. A partir desta data regresa á vida académica e centra os seus esforzos na creación da Universidade Carlos III.
Eugenio Coseriu (1995)
Investidura:17/03/1995; Madriña: Prof. Dra. Maria do Carmo Henríquez Salido
Eugenio Coseriu (1921-2002) foi un lingüista especializado en Filoloxía Románica, recoñecido polas súas contribucións á teoría e á historia da lingüística. Foi vicepresidente da Sociedade Internacional de Lingüística Románica e unha das máximas figuras da filoloxía do século XX.
Xavier Karcher (1993)
Investidura: 12/11/1993; Padriño: Prof. Dr. Pedro Merino Gómez
Xavier Karcher (1932-2009). Foi un enxeñeiro que fixo a súa carreira no seo do grupo Peugeot-Citröen, onde ocupou varios postos, entre eles director xeral desde 1979 ata 1988 e vicepresidente desde 1988 ata o seu retiro, en 1997. Foi presidente do Consello Nacional de Enxeñeiros e Científicos de Francia, así como membro da Academia Nacional das Tecnoloxías de Francia.
Francisco Fernández del Riego (1992)
Investidura: 15/05/1992; Madriña: Prof. Dra. M.ª Victoria Carballo-Calero Ramos
Francisco Fernández del Riego (1913-2010) foi un escritor, intelectual e político español que desenvolveu un traballo constante e recoñecido a favor da cultura galega, o que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.