
Identidade corporativa
Somos un organismo vivo, novo, de vangarda e emprendedor. Os eixes da nosa proxección futura son a I+D+i e as novas tecnoloxías. Somos tamén unha institución descentralizada, plural e participativa. Nos nosos tres campus teñen cabida a maioría das áreas de coñecemento. Unha organización profundamente imbricada no tecido socio-económico da nosa área de influencia que se traduce nun compromiso activo co progreso científico e empresarial da comunidade galega. Temos como unha das nosas misións principais xerar o tecido estrutural para que a transferencia do coñecemento sexa unha realidade frutífera.
A identidade recolle os símbolos de representación da universidade de cara a crear unha unidade interna e unha proxección externa coherente, forte e representativa dos nosos atributos e valores, unha marca con presenza nos diferentes contextos nos que se desenvolve.
Obxectivos da marca Universidade de Vigo
- Expresar os nosos valores.
- Facilitar a adaptación ao espazo europeo de educación superior.
- Amplificar a percepción da Universidade de Vigo como axente de transformación do seu contexto socioeconómico.
- Aumentar o poder de atracción da universidade respecto do noso público obxectivo, o futuro alumnado.
- Proxección exterior da institución: situarnos no ámbito dos ensinos superiores, no conxunto da comunidade científica e respecto dos axentes sociais e económicos.
- Constituírnos nun máis dos elementos diferenciadores respecto da competencia.
- Propiciar a cohesión interna da comunidade universitaria dotándoa dun símbolo identitario que represente a nosa diversidade.
A nosa identidade
A actual identidade corporativa da Universidade de Vigo xestouse en outubro de 2008 cara unha transformación actualizada e acorde a un novo escenario. O mercado da educación superior europea esixe aplicar a lóxica do territorio das marcas e entender a imaxe da Universidade de Vigo como un valor tanxible da institución e como vehículo propio dos valores da mesma. Con este punto de partida, a concreción do universo da comunicación desta marca levouse a cabo a través de tres fases: Un concurso internacional, no que se recibiron máis de 600 propostas de tódolos rincóns do mundo, unha selección de entre cinco estudos baseados nas dúas propostas gañadoras do concurso, e finalmente, na elaboración e desenvolvemento da identidade e das aplicacións xunto a confección do Manual de imaxe corporativa.
Logotipo da Universidade de Vigo
O uso do logotipo autorizarase exclusivamente para fins propios da Universidade Vigo. En ningún caso lle outorgará á persoa usuaria o dereito de exclusividade, nin lle permitirá apropiarse mediante o rexistro ou calquera procedemento do citado emblema ou similar. Presumirase a autorización no caso do seu emprego en actividades desenvoltas por membros da comunidade universitaria organizadas nesta institución.
Asesoramento: a Área de Imaxe
A Área de Imaxe da Universidade de Vigo ten como propósito asesorar a comunidade universitaria para o correcto uso dos símbolos gráficos que representan a institución, co fin de reforzar e clarificar a comunicación interna, así como de proxectar unha imaxe exterior coherente e de excelencia.
Este asesoramento desenvólvese en catro liñas de actuación:
- Xestionar os símbolos, logotipos e elementos de identidade corporativa da Universidade de Vigo e dos seus centros.
- Asesorar a comunidade universitaria, as axencias de publicidade, as imprentas e outros organismos co fin da realización de material gráfico acorde coa liña gráfica e cos obxectivos da institución, e así reforzar a súa imaxe.
- Deseñar e maquetar os materiais promocionais gráficos das campañas institucionais da universidade.
- Supervisar a elaboración de traballos gráficos e publicitarios nos que teña presenza a universidade.
Recursos
Modelos con formato institucional
Para axudarvos a desenvolver a vosa actividade diaria, poñemos á vosa disposición distintos recursos con formato institucional:
Os modelos e as tipografías necesarias para a súa edición tamén se lle poden solicitar á Área de Imaxe por correo electrónico imaxe@uvigo.gal ou por teléfono no +34 986 813 411.
Fondos para audiovisuais e videoconferencias
Velaquí distintos fondos corporativos de emprego recomendado para as videoconferencias e os vídeos docentes e divulgativos producidos na contorna da institución. Os fondos están organizados en catro grupos, un por campus e un cuarto xenérico con fondos neutros para empregar de xeito común. En xeral os fondos con cores frías (azul anil) e neutras (gris) funcionan mellor como fondos ou traseiras.
- Campus de Ourense: 1 | 2 | 3 | 4
- Campus de Pontevedra: 1 | 2 | 3
- Campus de Vigo: 1 | 2 | 3
- Xenéricos: 1 | 2 | 3 | 4
Se tes calquera dúbida co emprego deste material, podes contactar con UVigoTV por correo electrónico tv@uvigo.gal.
Transicións para os vídeos
Deseguido podes descargar as seguintes gráficas estáticas e con movemento para engadir ao comezo e ao remate dos teus vídeos.
En caso de teres algunha pregunta, podes contactar con UVigoTV por correo electrónico tv@uvigo.gal.
Gifs
Na seguinte ligazón poderás descargar os gifs da nosa mascota Oli:
Sinalización
Velaquí distintos carteis para descargar:
Máis información:
Área de Imaxe
Local A11, Centro Comercial da Cidade Universitaria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
imaxe@uvigo.gal
+34 986 813 411