
Medio ambiente
A Oficina de Medio Ambiente (OMA) é o servizo responsable da política ambiental da Universidade de Vigo
Entre as súas funcións atópanse as seguintes:
- Asesorar a comunidade universitaria en temas relacionados co medio natural
- Intervir nas actuacións que poidan afectar negativamente ás condicións e compoñentes ambientais da universidade
- Promover e coordinar calquera acción encamiñada a aumentar a calidade de vida nos diferentes campus, mediante o equilibrio da relación entre as persoas e o medio
Sensibilización e educación ambiental
A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo (OMA) promove a sensibilización e a educación ambiental a partir de programas educativos, itinerarios ambientais e outros labores semellantes.
Unha das actividades máis recurrentes é a realización de rutas ambientais polo campus de Vigo para os nenos e as nenas dos colexios que así o soliciten. Estas rutas están pensadas para convivir coa natureza nunha contorna propicia para iso. En segundo lugar, desde a OMA realízanse rutas polo campus de Vigo e polo campus de Ourense co fin de que calquera persoa interesada poida realizalas. En terceiro lugar, a OMA leva a cabo campañas específicas de concienciación e sensibilización nas que trata de involucrar á maior cantidade de xente posible. Para lograr este fin, a OMA organiza diversos eventos ao longo do ano, en especial coas celebracións anuais relacionadas coa sostibilidade e a natureza.
Queres solicitar unha visita para o teu colexio?
Chámanos ao +34 986 813 883
ou escríbenos no enderezo oma2@uvigo.es
Horta ecolóxica
No campus de Vigo contamos cunha horta ecolóxica comunitaria impulsada pola Asociación Amigos da Terra en colaboración coa Universidade de Vigo. Trátase dun espazo aberto a calquera persoa que queira cultivar os seus propios alimentos de xeito respectuoso co medio ambiente e formando parte dun grupo autoxestionado.
Sostibilidade
A través da colaboración do Departamento de Obras e Infraestruturas, a Unidade Técnica e a Oficina de Medio Ambiente, a Universidade de Vigo traballa para conseguir edificios sostibles e renovables a través das seguintes accións:
- Estudar a posibilidade de establecer instalacións de enerxía renovable
- Avanzar no establecemento de sistemas centralizados de calefacción
- Establecer colaboracións coas administracións correspondentes
2023
A Universidade de Vigo executou diversos proxectos de xeración de enerxía electrica con fontes de enerxía renovable nos campus de Vigo e Ourense. O custe elixible da operación ascende a 325.003,52 € e está financiada con fondos da Unión Europea.
2021
Co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, a Universidade de Vigo executou as obras para a instalación duns postes de recarga de vehículos eléctricos nos campus de Ourense e de Pontevedra.
Estas actuacións enmárcanse no Programa Estatal de Incentivos á Mobilidade Eficiente e Sostible (Programa MOVES II) ano 2020 cofinanciada pola Unión Europea dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
2020
Como exemplo deste compromiso, no ano 2020 a Universidade de Vigo executou diversos proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e de eficiencia enerxética no campus de Vigo. Para levar a cabo estas actuacións, contouse co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.
2019
No ano 2019 a Universidade de Vigo executou seis instalacións solares fotovoltaicas para autoconsumo nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.