Vicerreitoría do Campus de Ourense

Montse Cruz González, vicerreitora
É profesora da Universidade de Vigo desde 1998 na Área de Organización de Empresas. Impartiu docencia en diferentes centros do campus de Vigo ata establecerse en 2015 en Ourense, onde realiza o seu labor na Facultade de Empresariais e Turismo e na Escola Superior de Enxeñaría Informática. Ao longo da súa carreira combinou a actividade académica coa experiencia profesional na empresa e na formación continua.
No eido da xestión académica e institucional, foi decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (2019–2025), coordinadora do Grao en Turismo e responsable en diversas organizacións nacionais e internacionais do ámbito económico-empresarial. Tamén participa activamente na investigación, como subdirectora dun grupo especializado en sistemas e tecnoloxías da información para a empresa e coordinadora do laboratorio de emprendemento Venture Lab.
A súa investigación céntrase nos recursos humanos, a estratexia e a planificación turística, con especial atención á sustentabilidade, combinando a produción científica coa participación en congresos e proxectos orientados ao desenvolvemento do sector turístico galego.
Caracterízase polo seu compromiso coa docencia, a proximidade co alumnado e a defensa da universidade pública, e asume a formación integral do estudantado como unha responsabilidade clave.
Competencias
- A representación ordinaria da Universidade de Vigo no ámbito territorial do campus de Ourense, sen prexuízo das competencias propias da reitora.
- A coordinación xeral das actuacións desenvolvidas no campus de Ourense polas distintas estruturas académicas, investigadoras, administrativas e de servizos da universidade, sen prexuízo das competencias atribuídas aos restantes órganos de goberno.
- A planificación, impulso e coordinación das accións orientadas ao desenvolvemento estratéxico, á proxección institucional e á promoción do campus de Ourense, de acordo coa estratexia xeral da universidade.
- O exercicio das competencias derivadas dos procesos de descentralización administrativa e funcional no ámbito do campus de Ourense, en coordinación coas vicerreitorías e coa Xerencia no exercicio das súas respectivas competencias, nos termos establecidos nesta resolución ou nos correspondentes actos de delegación.
- O desenvolvemento das relacións institucionais, en representación da reitora, coas administracións públicas, entidades sociais, organizacións empresariais e demais axentes do territorio vinculados ao campus de Ourense, así como a sinatura dos convenios, protocolos, acordos e demais instrumentos de colaboración relacionados coas materias obxecto desta delegación, cando así proceda.
- A dirección e a coordinación das políticas e actuacións vinculadas ao Campus Auga, no marco das políticas xerais da universidade para os seus campus de especialización e en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.
- O impulso da cooperación institucional, científica e tecnolóxica con universidades, centros de investigación e demais entidades de ámbito autonómico, nacional e internacional vinculadas aos ámbitos de especialización do Campus Auga e ao desenvolvemento estratéxico do campus de Ourense.
- A promoción da transferencia do coñecemento, da innovación, da valorización da investigación, do emprendemento e da colaboración co tecido socioeconómico no ámbito do campus de Ourense, incluídas as cátedras promovidas en colaboración con entidades públicas e privadas, contribuíndo ao desenvolvemento do ecosistema de innovación e ao desenvolvemento do territorio, en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.
- As relativas á tramitación de proxectos de investigación de ámbito autonómico e estatal, así como dos contratos ao abeiro do artigo 60 da LOSU, no ámbito de influencia do campus de Ourense, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e coa Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social.
- A convocatoria, resolución e xestión das bolsas, axudas e programas propios vinculados ás materias obxecto desta delegación, así como a realización dos actos administrativos derivados delas.
Secretaría
Cristina Gil Ferro
Secretaría
+34 988 387 300
vicou@uvigo.gal
As Lagoas, s/n
32004 Ourense
+34 988 387 300
vicou@uvigo.gal




