Día Internacional do Multilateralismo e da Diplomacia

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 24/04/2024

O Día Internacional do Multilateralismo e a Diplomacia para a Paz conmemórase anualmente o día 24 de abril desde o ano 2019. Esta data foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de darlle importancia á cooperación internacional pola paz.

Nacións Unidas define o multilateralismo como a adhesión a un proxecto político común no que se respecta un sistema compartido de normas e de valores baseado nos principios da consulta, na inclusión e na solidariedade. A ONU é, de feito, un dos proxectos de multilateralismo máis exemplificativos de todos e, desde a súa creación en 1945, só creceu en número de membros, xunto para velar polos dereitos humanos a través do diálogo e da acción en común.

En moitas ocasións, o diálogo non é suficiente para lograr a paz, por iso desde 1948 Nacións Unidas despregou máis de 70 operacións para o mantemento da paz que contribuíron ao cese das hostilidades ou a previr o rexurdimento de conflitos violentos. Non obstante, pese ás súas encomiables misións, a ONU arrastra certas limitacións a día de hoxe, algunhas son estruturais, (derivadas do distinto peso que teñen os países membros da ONU na toma de decisións no seo do Consello de Seguridade) e outras están relacionadas co contexto socio político actual onde a crecente desigualdade, a desinformación e o cambio climático, entre outros factores acentúan as tentacións de accións unilaterais sostidas por discursos demagóxicos e agravan as trabas para cooperar nas solución de conflitos armados coma os que continúan activos en Palestina e en Ucraína.

Debemos ser conscientes de onde vivimos, do noso redor e sempre ter aos demais cidadáns do mundo por iguais. Sen equidade, non pode haber diplomacia nin paz.

A lista dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 non estaría completa sen o ODS 17: «Alianzas para acadar os obxectivos». A Axenda e os seus 17 obxectivos son universais e esixen a implicación de todos os países, tanto desenvolvidos como en desenvolvemento, para garantir que ninguén quede atrás. Esta é a única maneira de cumprir todos os obxectivos e lograr a paz e a xustiza e termar dunhas institucións sólidas (ODS 16).

 

Obxectivo de desenvolvemento 16

Obxectivo de desenvolvemento 17

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal