Día Internacional da Terra Nai 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 22/04/2024

Cada 22 de abril celébrase o Día Mundial da Terra Nai, unha data marcada polas Nacións Unidas co obxectivo de concienciar a humanidade sobre os problemas da superpoboación, a contaminación e a importancia da conservación da biodiversidade.

A xornada ten os seus orixes na década dos 60 coa celebración nos Estados Unidos dun relatorio de ecoloxía dirixido ao estudantado universitario que deu lugar a iniciativas para crear un día da Terra. En 1970 organizouse a primeira manifestación polo medio ambiente na que participaron miles de universidades e centenares de comunidades, unha manifestación histórica que deu forma ao activismo moderno. A consciencia da necesidade de preservar o planeta non paraba de estenderse e en 1972 organizouse en Estocolmo a primeira conferencia das ONU sobre o medio ambiente. A data do 22 de abril fíxose oficial en 2009, pero xa levaba anos celebrándose en moitos países.

A día de hoxe, o foco da celebración desta xornada está na emerxencia climática. Este día da Terra Nai é unha chamada á acción pola defensa e o coidado do planeta. Segundo advertiu Nacións Unidas, o mundo vai camiño de quentarse entre 2,5 e 2,9ºC este século, con todas as consecuencias medioambientais que isto supón: perda de especies, desxeo dos polos e suba do nivel do mar, entre outras moitas. O Grupo intergobernamental de expertos e expertas sobre o cambio climático (IPCC) indica que a acción climática acelerada só pode frear aumentando considerablemente o financiamento e sinala que existe suficiente capital no mundo para diminuír rapidamente as emisións de gases de efecto invernadoiro se se reducen os obstáculos existentes. No marco da Axenda 2030, a acción polo clima ten relación con todos os obxectivos de desenvolvemento sostible, polo ben da humanidade e dos recursos que nos ofrece a Terra.

O lema deste día internacional é «planeta vs plásticos». A produción de plásticos é, ademais dun problema ambiental, unha grave ameaza para a saúde. Os plásticos liberan substancias químicas tóxicas nos nosos alimentos e en fontes de auga e circulan polo aire que respiramos. Na actualidade, a produción de plástico creceu ata superar os 380 millóns de toneladas anuais. Segundo EarthDay.org, nos últimos dez anos produciuse máis plástico que en todo o século XX, e a industria prevé un crecemento inaudito para o futuro. 

Que podemos facer nós pola protección do planeta ante a contaminación dos plásticos? As sonadas tres erres (reutilizar, reducir e reciclar) son só un gran de area que podemos aportar por este fin común, así como reclamar políticas ecolóxicas e manternos informados sobre a cuestión.

A Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo ofrece distintas posibilidades de participar activamente a prol do medio ambiente, desde o local ata o global. Podes colaborar en programas de voluntariado ambiental, como o voluntariado ambiental na OMA para a minimización de impactos ambientais e mellora de hábitats, ou o voluntariado ambiental no Gruvi-OMA para a recuperación de equipos eléctricos e electrónicos. Na súa web tamén podes atopar prensa ambiental relevante ou códigos de boas prácticas.

Hai moito traballo por facer para coidar da Terra Nai, e todo debe comezar por ser conscientes do que nos rodea, do impacto que teñen as nosas accións e de que sen Terra, non somos ninguén.

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal