Axudas ao alumnado das universidades públicas para estadías nalgún estado membro da UE, durante o verán, para coñecer a lingua dese país

UVigo - Emprego 10/01/2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convoca, en réxime de concorrencia competitiva, 170 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2023. As axudas diríxense ao alumnado universitario matriculado no curso 2022/23 nalgunha das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia.

As actividades para as que se solicita a axuda realizaranse presencialmente no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2023.

Requisitos

  • Estar matriculado/a no curso 2022/23, como mínimo en 50 créditos, excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados, en calquera das universidades públicas do sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao.
  • Ter superado 60 créditos a data de 30 de setembro de 2022, excluídos tamén os recoñecidos, convalidados ou adaptados. 

O curso de idiomas será presencial e terá unha duración mínima de tres semanas e un mínimo de 60 horas lectivas. O idioma cursado debe corresponderse co idioma oficial do país elixido.

Dotación

A dotación económica asignada por persoa beneficiaria será de máximo 1000 euros.

Información e solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 14 de marzo de 2023. 

Para dúbidas relacionadas coa convocatoria, as consultas poderán facerse no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es