Bolsas en Bruxelas relacionadas cos asuntos comunitarios - Fundación Galicia Europa

Solicitudes ata o 5 de xuño

UVigo - Emprego 09/05/2023

A Fundación Galicia Europa convoca 4 bolsas para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea na súa sede de Bruxelas. O obxectivo das bolsas é permitirlles ás persoas beneficiarias familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e facilitar o seu acceso ao mercado laboral.


Características

  • A realización das bolsas desenvolveranse na oficina da FGE en Bruxelas.
  • As bolsas terán unha duración de 11 meses.
  • A contía bruta mensual de cada bolsa é 14 850 €. Tamén se lles proporcionara unha axuda de desprazamento para gastos de viaxe e seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica.


Modalidades

  • 2 bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios dende unha perspectiva galega. Son titulacións preferentes: Grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Economía, Ciencias Políticas e da Administración, Xornalismo ou Comunicación, e graos ou licenciaturas nas áreas de Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais.
  • 1 bolsa destinada a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos. É necesario posuír un grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas. Puntúan, a maiores da titulación exixida para acceder ás bolsas, o grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Economía, Ciencias Políticas e da Administración, e graos ou licenciaturas nas áreas de Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais.
  • 1 bolsa destinada a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo. É necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).Puntúan, a maiores da titulación exixida para acceder ás bolsas, o título de técnico superior en Marketing e Publicidade, Comercio Internacional, na familia profesional de Informática e Comunicacións, ou equivalente.


Outros Requisitos

  • Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar, mediante empadroamento, residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.
  • Posuír o título académico necesario ou xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do dito título.
  • Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos 6 anos anteriores ao da publicación da convocatoria.
  • Posuír o Celga 4 ou equivalente para as bolsas que requieren titulación universitaria e o Celga 3 ou equivalente para a bolsa que require titulación de ciclo superior en formación profesional.


Información e solicitudes 

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co formulario PR770N.

O prazo de presentación finaliza o 5 de xuño de 2023.

Máis información aquí.