Seminario web FGE sobre oportunidades de emprego e prácticas na UE o próximo 10 de xuño

UVigo - Emprego 08/06/2020

Queres traballar ou facer unha práctica na Unión Europea? Únete a esta sesión en liña sobre oportunidades de traballo e de prácticas na UE.  

O 10 de xuño, ás 16.00 horas, a FGE organiza un seminario web para a mocidade galega que desexe traballar nas administracións da UE ou facer prácticas nunha das súas institucións e nas oficinas da Fundación Galicia Europa.

Máis de 40.000 persoas traballan nas institucións, nos organismos e nas axencias da UE. Anualmente, convócanse oposicións co fin de seleccionar persoal para ocupar postos de distintas categorías. Ademais destes empregados fixos, a UE tamén emprega axentes contractuais e temporais. Ao mesmo tempo, existe a posibilidade, para o estudantado universitario e as persoas tituladas de realizar prácticas nas súas institucións, nos seus organismos e nas súas axencias, co obxectivo de familiarizarse coa administración comunitaria, aumentar a cualificación profesional ou complementar os seus estudos académicos. Por último, a Fundación Galicia Europa realiza cada ano unha convocatoria de prácticas nas súas dúas oficinas en Bruxelas e Santiago de Compostela.

Descrición

O seminario web terá unha duración aproximada dunha hora e contará coa participación da Unidade de Apoio á Presenza de Españois nas Institucións da Unión Europea da Representación Permanente de España á UE (UDA-REPER), así como de persoas galegas que traballan actualmente nas institucións europeas.

Este seminario web forma parte da iniciativa #Euroxuventude, froito da colaboración entre a FGE e a Dirección Xeral Xuventude da Xunta de Galicia para informar a mocidade galega sobre as oportunidades que ofrece a UE. O seminario tamén está dirixido aos mozos e mozas do norte de Portugal como consecuencia da participación da FGE en varios proxectos de cooperación transfronteiriza no eido da mocidade.

Itinerario

  1. Programa
  2. Apertura a cargo da Fundación Galicia Europa
  3. Presentación de oportunidades de traballo e prácticas por parte do UDA-REPER
  4. Experiencias de galegos e galegas nas institucións comunitarias 

Información e solicitudes

Se queres traballar ou facer prácticas na UE, rexístrate aquí e poderás escoitar de primeira man as posibilidades que existen, ademais de facer as túas preguntas.

O prazo para inscribirse ao seminario web remata o martes 9 de xuño ás 12 horas (prazas limitadas).