Día Mundial da Síndrome de Down 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 21/03/2023

Como cada 21 de marzo desde o ano 2011 conmemórase o Día Mundial da Síndrome de Down. A Asemblea Xeral da ONU dedica este día para a concienciación  pública sobre este condición, reivindicar os dereitos e subliñar a importancia da autonomía e da independencia das persoas con discapacidade intelectual. 

Co gallo desta celebración, a asociación Down España lanza este ano a campaña “Non somos un estereotipo, somos moito máis”. O seu principal obxectivo é “mudar a forma de ver as persoas con síndrome de Down, unha forma de miralos que, normalmente, está cargada de prexuízos e de estereotipos que dificultan a súa inclusión”.

É preciso que fronte á xeralización, visualicemos que as persoas con síndrome de Down son persoas diversas, con ilusións, gustos e proxectos diferentes. Ademais débense deixar atrás as actitudes sobreprotectoras para así contribuír ao desenvolvemento dunha autonomía e independencia que permita as persoas perseguir os seus soños e acadar os seus obxectivos vitais. 

Esta conmemoración pódese relacionar co obxectivo de desenvolvemento sostible número 10 "Redución das desigualdades", que promove a inclusión social, económica e política de todas as persoas independentemente da súa discapacidade, xénero, idade, etnia etc. É fundamental enfocalo desde unha perspectiva dos Dereitos Humanos que pon a súa énfase en que “as persoas con discapacidade teñen dereito a ser tratadas con xustiza e a ter as mesmas oportunidades que todas as persoas, traballando cós demais para mellorar as súas vidas”. 

Desde a Universidade de Vigo unímonos á celebración do Día Mundial da Síndrome de Down reivindicando o papel importante que teñen as persoas con diversidade intelectual na nosa sociedade.

Convidámosvos a participar na campaña de Down España a través das redes sociais o día 21 de marzo co hashtag #NoSomosUnEstereotipo seguindo estas instrucións.
 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal

Federación Down Galicia
Rúa de Alejandro Novo González, 1
15706 Santiago de Compostela
+34 981 581 197
downgalicia@downgalicia.org