Carta do reitor verbo da atención psicopedagóxica na UVigo

UVigo - Comunicación 23/11/2023

Prezada comunidade:

A Universidade de Vigo acaba de asinar un compromiso de colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) para prestar servizos de apoio psicopedagóxico orientado a favorecer a integración do estudantado da UVigo no ámbito académico.

O servizo ofrecido desde o COPG dirixirase a previr e a fomentar o benestar psicopedagóxico do estudantado para mellorar a súa integración na comunidade universitaria. O estudantado poderá gozar deste servizo de balde tras solicitalo na Unidade de Atención ao Estudantado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (Unaten).

Ao longo da vindeira semana, a Unaten contactará co estudantado adscrito ao programa Piune de atención á diversidade para informalo dos pasos que debe seguir. Tamén se poñerá en contacto co estudantado que comunicou a necesidade e o interese por acudir a un servizo de atención psicopedagóxica.

A Unaten empezará esta mesma semana a derivar os casos máis urxentes a profesionais de Vigo, Pontevedra e Ourense, mentres non se implementan as accións derivadas do compromiso co COPG, que requiren duns días para seren activadas con total garantía. 

Aproveito esta ocasión para agradecer o grande interese amosado pola comunidade nas últimas semanas polos dereitos á igualdade de oportunidade no acceso aos estudos de todo o estudantado, en especial do pertencente aos colectivos máis vulnerables.

Manuel Reigosa
Reitor