Axenda 2030. Axentes do cambio 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 20/09/2023

O curso "Axenda 2030. Axentes do cambio" ten unha duración de 30 horas e vai dirixido ao estudantado da Universidade de Vigo cun forte compromiso coa protección do medioambiente e coa erradicación das desigualdades no mundo.

A Axenda 2030 é unha resolución da ONU aprobada en 2015 que constitúe a folla de ruta da humanidade para os vindeiros anos. Centrada na protección medioambiental e na erradicación de todo tipo de desigualdades, a Axenda busca que as universidades se impliquen na xeración das condicións para acadar un desenvolvemento máis sostible e inclusivo tendo en conta as limitacións do planeta e o benestar das persoas a través da aplicación dos denominados «Obxectivos de Desenvolvemento Sostible» (ODS).

O principal obxectivo deste curso é formar estudantes para que coñezan a Axenda 2030. Esta actividade pódese complementar cunha acción de voluntariado nos tres campus da UVigo para dar a coñecer a Axenda 2030 e sensibilizar a comunidade universitaria sobre os seus 17 ODS mediante paneis informativos e a organización de actividades. 

O curso contará con 30h de formación virtual en MOOVI na que o alumnado accederá aos contidos sobre a Axenda e a vídeos explicativos. O estudantado terá unha participación activa a través de foros de debate en liña e contará en todo momento co asesoramento e coa titorización do equipo docente tanto para elaborar as actividades como para resolver dúbidas.

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal 
direc.equidade@uvigo.gal