Día Internacional para Concienciar sobre o Desarmamento e a Non Proliferación

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 05/03/2024

O Día Internacional para Concienciar sobre o Desarmamento e a Non Proliferación é unha xornada que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (AGNU) estableceu en 2022. Este día existe para crear conciencia sobre os perigos que supoñen as armas de destrución masiva. Desde a súa invención, vivimos nun mundo menos seguro e máis cheo de temores.

Esta data foi elixida en conmemoración do día en que entrou en vigor o Tratado sobre a non proliferación de armas nucleares, en 1970. En plena Guerra Fría, este tratado fixo constar a necesidade dun desarmamento para tentar que ningún Estado máis desenvolvese armas nucleares e que ningunha das potencias nucleares que xa existían aumentasen o seu arsenal. Por iso, este día simboliza un momento crucial na diplomacia internacional polo desarmamento.

A celebración deste día cobra especial importancia no contexto actual, xa que en  palabras do secretario xeral das Nacións Unidas: «Este segundo Día Internacional para Concienciar sobre o Desarmamento e a Non Proliferación chega nun momento perigoso. Caracterizado polo aumento do gasto militar, o afondamento das tensións xeopolíticas e a multiplicación dos conflitos violentos en todo o planeta». Este ano asistimos tristemente ao segundo aniversario da guerra de Ucraína sen que haxa visos de avances cara a unha resolución pacífica do conflito. Por outra banda, en relación á situación en Palestina, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo informa de que a situación en Gaza, tras os ataques israelís, é crítica: a fame só aumenta, as súas subministracións de auga diminúen e non hai produción de alimentos. 

A Axenda 2030 o ODS 16 e o desarmamento

Este día está directamente relacionado co ODS 16, que busca promover sociedades pacíficas e inclusivas para o desenvolvemento sostible, facilitar o acceso á xustiza para todas as persoas e construír a todos os niveis institucións eficaces, inclusivas e que rendan contas Pero tamén con todos os ODS, xa que sen paz non é posible avanzar cara o desenvolvemento sustentable “que non deixe a ninguén atrás” que promove a Axenda 2030.

O coñecemento é o primeiro paso para o compromiso

A concienciación, a cooperación e a diplomacia internacional son esenciais para a prevención dos conflitos armados. Como cidadáns e cidadás, cómpre estarmos ao día co que está a ocorrer; podemos denunciar, manifestarnos, reclamar o alto ao fogo e esixir explicacións sobre as políticas de comercio de armas dos nosos gobernos.

Para coñecer máis sobre o que está a ocorrer, ademais de manterte ao día a través dos medios de comunicación, podes consultar a información proporcionada polas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, como a web da Coordinadora Galega de ONGD, onde tamén atoparás información sobre como axudar as persoas vítimas das guerras e dos xenocidios. 

Lembra que o coñecemento é o primeiro paso para o compromiso!

 

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal