Día Internacional da Lingua Materna 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / UVigo - ANL 19/02/2024

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco en 1999 e celébrase cada 21 de febreiro dende o ano 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

A Unesco defende que as sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e que preservan as tradicións de seu de maneira sostible. Por iso, a través dos obxectivos de desenvolvemento sostible, procura fomentar e promover a educación multilingüe baseada na lingua materna ou primeira lingua. Segundo os informes da Unesco, o 40 % da poboación mundial carece de acceso a unha educación nunha lingua que fale ou entenda. E non só iso, senón que cada dúas semanas desaparece en todo mundo unha lingua, o que implica a perda de todo un patrimonio cultural e intelectual. Para explicar esta perda de riqueza lingüística é necesario pór o foco na globalización, na desigualdade na educación e na necesidade de fomentar aquelas linguas indíxenas, minorizadas e/ou en perigo de extinción.

A lingua materna é o idioma en que os máis cativos e cativas aprenden a falar e a relacionarse coa súa contorna. Pode acontecer que nun territorio coexistan distintas linguas e as persoas habitantes teñan dúas ou máis linguas maternas. No caso de Galicia, o galego e o español son idiomas cooficiais, mais na práctica, a lingua galega é unha lingua minorizada. O Instituto Nacional de Estatística situou en 2022 o castelán por primeira vez como a lingua usada con máis frecuencia en Galicia, tanto no ámbito laboral, coma no familiar ou das amizades. Aínda que case a totalidade da poboación galega entende o idioma, a maior parte non o leva á practica. As cifras son máis desacougantes cando nos centramos na mocidade: apenas o 35 % dos mozos e mozas empregan o galego «sempre» ou «frecuentemente» coa súa familia e a porcentaxe cae ao 31 % coas súas amizades. A pesar de ser a lingua histórica e patrimonial de Galicia, e da súa inclusión nas institucións autonómicas, cada vez corre máis perigo de desaparecer no uso. A educación é un factor chave.

Na universidade, a Universidade de Vigo ten o galego como lingua institucional e leva facendo labores de normalización e fomento da lingua dende os seus inicios, tal e como se recolle nos seus estatutos e na política lingüística. A Área de Normalización Lingüística elabora manuais para empregar como material de traballo; ofrece cursos de aprendizaxe de galego de distintos niveis, así coma de linguaxe de especializada; leva a cabo distintas campañas de dinamización lingüística;  e ofrece asesoramento lingüístico a todos os membros universitarios. 

Para acadar a normalización do galego, a nosa lingua materna, cómpre promovelo en todos os ámbitos da educación e do traballo. Queres comezar a falar galego? Faino de tranqui, como nos convidan desde Área de Normalización Lingüística (ANL) na súa nova campaña «Galego de tranquis! Sen atafegos e sen présas»

Se ademais queres matricularte nos seus cursos de formación deste cuadrimestre, ata o día 23 pódeste inscribir nesta ligazón.  

E, lembra  que o único galego mal falado é o que non se fala. 
 

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal

Área de Normalización Lingüística
Edificio Newton
Facultade de Filoloxía e Tradución
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal